O sindicalismo galego, vasco e catalán exixe en Madrid a derrogación das reformas laborais

CIG, ELA e Intersindical lamentan “a negativa” da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, a recibilos.

sindicatos madrid 3-min
photo_camera Os secretarios xerais de ELA, Mitxel Lakuntza, a CIG, Paulo Carril, e a Intersindical de Catalunya, Sergi Perelló, que encabezaban a mobilización ante o Ministerio de Traballo

ELA, CIG e Intersindical concentráronse esta terza feira ante a sede do Ministerio de Traballo para reclamar á ministra, Yolanda Díaz, “a inmediata derrogación das reformas laborais”. Os secretarios xerais de ELA, Mitxel Lakuntza, a CIG, Paulo Carril, e a Intersindical de Catalunya, Sergi Perelló, que encabezaban a mobilización, denunciaron ademais “a negativa” da titular do Ministerio a recibilos.

As organizacións sindicais acordaron realizar esta protesta en Madrid ante o que consideran un “inmobilismo do Ministerio”, que segue “sen dar paso ningún para abolir as reformas laborais impostas, primeiro polo PSOE e, posteriormente, polo PP”.

Unha derrogación que os representantes destas 3 centrais sindicais consideraron “imprescindíbel” para impedir os despedimentos colectivos que, denuncian, xa se están a producir sen que as empresas “precisen de autorización administrativa ningunha”.

Esta derrogación, apuntan, deberá contar tamén co apoio dos grupos políticos que viñeron sostendo o Goberno de Sánchez e dos partidos soberanistas de Euskal Herria, Galiza e Catalunya. Por iso, ELA, CIG e Intersindical interpélanos para que exerzan un labor activo "en defensa da clase traballadora".

Os secretarios xerais alertaron do perigo de que, unha vez que se poña fin aos ERTE, estes se convertan en ERE “aproveitando a lexislación laboral en vigor, e responsabilizaron de cada un dos despedimentos actuais ou dos que se poidan producir, tanto á ministra de Traballo como ao goberno Sánchez no seu conxunto”.

Respecto do diálogo e a concertación social, consideraron que non é a vía para solucionar a grave situación. Consideran que o que se procura é  “a domesticación e desmobilización da clase traballadora” e denuncian que “ese pretendido consenso outorga dereito de veto á patronal á hora de derrogar as reformas laborais, o que converte o diálogo social nun marco estéril e prexudicial para a clase traballadora”.

Xunto a isto reclamaron a fin do actual modelo de estatalización da negociación colectiva e defenderon o dereito a decidir nas súas respectivas nacións o modelo de relacións laborais, pensións e protección social para mellorar as condicións salariais e as condicións de traballo.

Un modelo centralizado da negociación que, consideran CIG, ELA e Intersindical, “non só afasta a negociación colectiva das traballadoras e traballadores, senón que tamén impide a participación dos sindicatos que democraticamente os representan para pechar acordos sobre as condicións de traballo en calquera sector”.

Lakuntza, Carril e Perelló demandaron ademais unha axenda social para que, entre outras cuestións, se articule “un sistema de protección social forte, unha fiscalidade progresiva e un tecido produtivo sustentábel, con salarios e condicións laborais dignas”.

Comentarios