18-F

Que pasa se traballo o día das eleccións? Estes son os supostos nos que a empresa ten que conceder un permiso

Correspóndelle ao empresario ou empresaria a distribución, conforme á organización do traballo, do período en que as persoas traballadoras disporán do permiso para acudir a votar.
Unha persoa deposita o seu voto nunha urna nun colexio electoral de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Unha persoa deposita o seu voto nunha urna nun colexio electoral de Lugo o pasado 28 de maio, día das eleccións municipais. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta sexta feira a regulación dos permisos que terán as persoas traballadoras por conta allea nas eleccións convocadas para o próximo 18 de febreiro para poder exercer o seu dereito ao voto. En concreto, a Consellaría de Promoción de Emprego e Igualdade sostén que as e os empregados cun horario de traballo que coincida en dous ou máis horas, e menos de catro, co período de apertura das mesas electorais gozarán dun permiso retribuído de dúas horas.

Así mesmo, aqueles que coincidan en catro ou máis horas, e menos de seis, disporán de tres horas. Este permiso ampliarase a catro cando a coincidencia sexa de seis ou máis horas. As persoas traballadoras por conta allea aos que non lle coincida o horario de traballo co de apertura de mesas electorais ou o faga nun período inferior a dúas horas, non terán dereito a permiso retribuído.

Ademais, correspóndelle ao empresario ou empresaria a distribución, conforme á organización do traballo, do período en que as persoas traballadoras disporán do citado permiso para acudir a votar.

No suposto no que as e os traballadores por conta allea previsen non estar na data da votación na localidade onde lles corresponde exercer o seu dereito ao voto, ou que non poidan exercer o sufraxio o día das eleccións, terán no seu horario laboral de até catro horas libres para que poidan formular persoalmente a solicitude do certificado de inscrición no censo, así como para efectuar a remisión do voto por correo.

Mesas electorais

Aliás, as e os traballadores por conta allea nomeados para as mesas electorais e os que acrediten a súa condición de interventores disporán, durante o día da votación, dun permiso retribuído de xornada completa, se non gozan en tal data de descanso semanal, e terán dereito, en todo caso, a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.

Do mesmo modo, se estas persoas teñen que traballar na quenda de noite na data inmediatamente anterior ao día da votación, a empresa cambiaralle a quenda para que poida descansar esa noite.

En canto aos apoderados e apoderadas, as persoas empregadas que acrediten esta condición teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non gozan en tal data do descanso semanal.

Comentarios