VÍDEO | Os bombeiros comarcais toman as rúas de Santiago e intensifican as protestas após cinco meses de folga

Se Xunta e deputacións "non dan mostras de retomar o diálogo", as medidas de presión sindical "terán que subir a un grao máis preocupante", alertan.
Protesta dos bombeiros na praza do Obradoiro. (Foto: Eva Cid Rivas)
photo_camera Protesta dos bombeiros na praza do Obradoiro. (Foto: Eva Cid Rivas)

Intensifícanse as protestas dos bombeiros comarcais, que continúan en folga cinco meses despois. Na mañá desta sexta feira unha multitudinaria manifestación, integrada por profesionais chegados de toda Galiza e de diferentes puntos do Estado español, partiu ás 12 horas do edificio administrativo da Xunta en San Caetano (Santiago de Compostela), para logo culminar na praza do Obradoiro após percorrer as principais rúas da capital.

Unha vez no Obradoiro, un dos bombeiros prendeu lume —de forma ensaiada e controlada— a outro compañeiro, a fin de escenificar "a queima do corpo de bombeiros" por parte do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva. Fixérono entre berros de "dimisión, dimisión".

Esta marcha chega após as protestas que os bombeiros protagonizaron nas últimas semanas ante as sedes das deputacións provinciais. A pasada cuarta feira, o comité de folga reuniuse en Santiago con representantes de todos os comités de empresa dos parques de bombeiros comarcais para organizar as tarefas de seguridade da manifestación desta sexta e artellar a protesta.

Aliás, o vindeiro 20 de novembro, segunda feira, haberá unha asemblea de traballadores tamén en Santiago. Avisan de que, se Xunta e deputacións "non dan mostras de retomar o diálogo" a partir desa data ante o que xa é un conflito enquistado, "as medidas de presión sindical terán que subir a un grao máis preocupante".

Os bombeiros comarcais están en folga desde o 15 de xuño. A súa negativa a facer horas extras para evidenciar a falta de persoal provocou multitude de fechamentos de parques por todo o país varios días nos últimos meses. Reclaman un convenio colectivo a nivel nacional, maior dotación de medios técnicos e de recursos humanos, así como emprego fixo de acordo coa doutrina do Tribunal Supremo de xaneiro de 2022.

Comentarios