Principia a folga indefinida dunha contrata de Inditex para exixir a readmisión dun compañeiro

A representación sindical asegura que o 100% do cadro de persoal da firma Veolia -que se ocupa de parte do mantemento da industria téxtil- está a secundar o paro. Unha das medidas de presión é a mobilización diante da sede da multinacional en Arteixo.

Campamento de Veolia pola readmisión dun traballador. (Foto: CIG)
photo_camera Campamento de Veolia pola readmisión dun traballador. (Foto: CIG)

A totalidade do persoal de Veolia, empresa que realiza unha parte do mantemento de Inditex, secunda desde as 23 horas deste domingo unha folga indefinida para exixir a readmisión dun compañeiro despedido.

Para dar maior visibilidade á súa loita, o persoal ten convocadas concentracións todos os días desta semana diante da sede de Inditex, no polígono de Sabón (Arteixo), coincidindo cos cambios de quenda.

Na xornada de hoxe, as e os empregados dirixíronse ás portas da sede da empresa de Amancio Ortega con tendas de campaña e lonas para evidenciar a súa disposición e firmeza a manter a folga até que a empresa se aveña a negociar.

Porén, ás 16.30 horas, a Policía Local ordenoulles desmontalas por non estaren autorizadas. A central da CIG-Industria afirmou que van estar vixiantes ante calquera intento de saltar a folga quer por parte de Veolia, quer de Inditex.

Esta acción responde ao despedimento dun operario que levaba 12 anos traballando na empresa. Desde o sindicato aseguran que foi tan “inesperado e fulminante que nin sequera se lle permitiu acceder ás instalacións para poder recoller as súas pertenzas, que tivo que recuperar a través doutro traballador”.

Segundo Veolia, suspendéuselle o contrato porque a tarefa que facía vai ser xestionado por outra compañía. Pero, para a CIG “chama moito a atención que Veolia fale dunha mellora cando a nova empresa aínda non se fixo cargo do servizo e son o resto de traballadores de Veolia quen se teñen que ocupar de manter operativos os grupos electróxenos".

Aliás, consideran que se fora certo habería posibilidade de recolocación, polo que exixen que se reincorpore ao cadro de persoal.

Comentarios