Prazos e descoordinación entre Administracións atrasan o cobro dos ERTE

O que tiña que ser unha solución para a grave situación das empresas e o seu persoal está a ser un pesadelo. A gran cantidade de expedientes de regulación de emprego (ERTE) presentados e o ríxido sistema de xestión do Servizo Público de Emprego (SEPE) deixan en precario miles de traballadores.
Oficina de Emprego (Nós Diario)
photo_camera Oficina de Emprego (Nós Diario)

Desde que o Goberno español facilitou ás empresas a posibilidade de acollerse a expedientes de regulación de emprego (ERTE), o seu número non parou de medrar. Desde o pasado 17 de marzo até esta terza feira 21 de abril, Galiza sumou 208.164 traballadoras e traballadores afectados nun total de 34.519 ERTE, segundo datos facilitados pola Consellaría de Economía. 

O principal problema que teñen as persoas que entraron nun ERTE, tramitado no seu momento, é que aínda non cobraron. Rosa López Rico, contadora do Colexio Oficial de Xestoras e Xestores Administrativos da Galiza, explica a Nós Diario que a causa son os prazos. "No primeiro Real Decreto había para os ERTE un prazo de cinco días laborábeis para que se resolvesen. En caso contrario, o silencio era positivo", conta, "logo había outros cinco días de prazo para presentar no Servizo Público de Emprego (SEPE) a relación de persoal que estaba nesta situación", engade.

Desde o Colexio de Xestoras e Xestores aseguran que hai situacións tan destacadas como a dalgunha traballadora coa prestación por desemprego concedida, non cobrada, e cun ERTE denegado

Estes datos, sinala López Rico, modificáronse pouco despois cando "a Xunta saca unha orde na que afirma que o prazo de cinco días de resolución dos ERTE pasa a ser de dez". Na actualidade, desde o Colexio de Xestoras e Xestores aseguran que hai situacións tan destacadas como a dalgunha traballadora coa prestación por desemprego concedida, non cobrada, e cun ERTE denegado. "O problema máis grave é a falta de coordinación entre as dúas Administracións e as diferenzas de prazos, polo que non sabemos que vai pasar", apunta López Rico.

Situación caótica

Paulo Carril, secretario xeral da CIG, sinala a Nós Diario que esta situación "advertímola o primeiro día cando dixemos que habería un número importante de despedimentos". Desde a central nacionalista aseguran que a situación é "caótica" con moitas traballadoras e traballadores na rúa sen axuda e outras que tardarán en cobrar e cunha contía de cobro incerta". Segundo datos do propio sindicato até 75% das persoas afectadas están sen cobrar aínda que xa estea tramitado o seu ERTE. O cobro realizado este mes, para Carril, "non foi unha solución, o único que se fixo foi un adiantamento para unha parte moi pequena das persoas con este problema".

En opinión de López Rico, a flexibilización das datas de cobro sería o máis axeitado. "O máis doado é que, segundo se resolvan, vaian procedendo ao seu pago, mais a Administración é cuadriculada”.

O Goberno galego, neste tema, vén de anunciar que tomou a decisión de deseñar un acordo coas entidades financeiras para que as traballadoras e traballadores poidan solicitar un anticipo das prestacións de forma inmediata. A Xunta di que avalará 1.500 euros por cada persoa nesta situación, de xeito que cada traballadora ou traballador que non cobre terá dereito a un anticipo de 750 euros o primeiro mes e outros 750 euros o segundo mes.

O sistema do SEPE

En CCOO son conscientes da situación causada polos atrasos nos pagamentos de ERTE por todo o país. Maica Bouza, a súa responsábel de emprego, afirma a Nós Diario que “a resolución dos ERTE por parte da administración, malia os atascos, vai razoabelmente ben”. Para esta sindicalista “o problema grande para que houbese estes atrasos é que a crise comezase un día 14 de marzo e o recoñecemento non fose até o día 24  polo que os primeiros días entraron poucas prestacións para o seu abono".

Asegura que desde o SEPE trasladáronlles a "imposibilidade" de ter un sistema aberto de cobro para que as persoas afectadas puidesen percibir a súa prestación en tempo. "Din que habilitar ese sistema informático levaría tempo", engade.

Como chegar a fin de mes

Os ERTE afectaron a grandes empresas como PSA Citröen en Vigo, mais tamén, e con anterioridade, ás auxiliares. É o caso de Gestamp que cando comezou a crise pola COVID-19 acababa de asinar cos sindicatos un acordo e tamén decidiu presentar un ERTE para 85% do cadro de persoal. Carlos, un dos afectados, explica a Nós Diario que levan sen cobrar "desde a última nómina a finais de marzo, que tampouco cubría o mes enteiro". Asegura que non lle confirmaron cando recibirá a prestación, mais pensa que até 10 de maio non vai ser.

"Non queda outra, tiras do que tes", afirma, "o problema é cando non tes, cando non hai", engade. A nómina de febreiro pagárona con atraso e moitas compañeiras e compañeiros xa chegaban "en números vermellos". Conta que se coa metade da nómina de marzo non chegaban "non quero nin pensar agora que temos unha nómina enteira sen cobrar".

Comentarios