A CIG cre que o ERTE proposto por PSA até decembro “non ten xustificación”

A central sindical interpreta que se ten que protexer o persoal eventual e manter os dereitos de conciliación polo peche escolar.

PSA Vigo  [Imaxe: Europa Press]
photo_camera PSA Vigo [Imaxe: Europa Press]

A sección sindical da CIG na PSA Citröen de Vigo non comparte a idoneidade do expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) até o mes de decembro que propón a empresa. Aseguran nun comunicado que esa solución “non ten xustificación”.

Para a central nacionalista as previsións de producións históricas non poden ser xustificación e argumentación para solicitar un ERTE por motivos produtivos para estes meses, tal e como afirma a multinacional. “Descansa nunha produción hipotética, non real que podería chegar a realizarse ou non”, aseguran desde a CIG.

Integración do persoal eventual

A central sindical considera que hai que priorizar a actividade do persoal eventual que está a piques de facer o ano de contrato e crear unha bolsa de emprego para con este colectivo. Defenden, ademais, que deben integrarse no ERTE ordinario.

Para a CIG “o persoal eventual que acuda a días de ERTE terá que aplicárselle mecanismos e buscar alternativas coas Administracións para que non teñan penalización algunha” e tampouco “os días de ERTE non poden penalizar á hora de calcular a paga de beneficios”. Sinalan que é necesario ter en conta o persoal maior de 50 anos “de cara a non penalizar a súa posible xubilación ou prexubilación”.

Outras medidas

A CIG considera que, entre outras medidas, deberíase “baixar a cadencia das liñas de produción para minimizar días de inactividade e garantir máis xornadas laborais” e non mover de datas as vacacións de verán.

Consideran, tamén, que as traballadoras e traballadores que teñan problemas de conciliación polo peche escolar, “terán dereito a acollerse ao permiso retribuído por deber inescusábel derivado da suspensión da actividade lectiva como consecuencia da pandemia do coronavirus”. Apuntan que o ERTE “non pode supoñer penalización económica e ten que garantir 100% do salario, pagas extras e vacacións.

Por último, desde a CIG propoñen que se rebaixen os salarios da dirección e que se adiante a reunión do accionariado para que se distribúan os beneficios empresariais equitativamente entre o persoal das plantas de produción para que non teñan penalizacións económicas nin sociais.

Comentarios