A CIG demanda protección para traballadoras temporais despedidas sen ERTE

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, reclamou ás Administracións garantías reais de protección social e a reincorporación das persoas traballadoras temporais despedidas non incluídas nos ERTE.
 
Paulo Carril, secretario xeral da CIG (Imaxe Nós Diario)
photo_camera Paulo Carril, secretario xeral da CIG (Imaxe: Nós Diario)

“Garantías reais de protección social, sen exclusións, e a reincorporación aos seus postos de traballo de todas as persoas temporais que foron despedidas e que non estaban incluídas nos ERTE”, exixiu ás Administracións o secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Paulo Carril.

Ademais, Carril demandou que se faga efectivo o pago das prestacións e os salarios pendentes de recibir por miles de traballadores e traballadoras.

O secretario xeral da CIG criticou a vía dos ERTE como fórmula para garantir que as persoas traballadoras quedaran na casa. Fronte a iso considerou que a día de hoxe “está demostrado que a fórmula pola que apostaba a CIG”, a dun permiso especial ante o deber inescusábel de atender persoas maiores e menores e atender a emerxencia sanitaria, xunto coa creación dun fondo público que compensase ás empresas esas nóminas polas persoas que estiveran na casa, “tería sido máis xusta e máis eficiente do punto de vista do gasto público, porque permitiría que todas as traballadoras e traballadores, tivesen contrato indefinido ou temporal, puideran quedar na casa e cobrar os seus salarios”.

Asegurou que isto “tería evitado todo o abuso que se produciu”, porque ademais, utilizando os ERTE recorreuse a “unha fórmula perversa, que ten o pecado orixinal de ter nacido nunha reforma laboral, que a día de hoxe tiña que estar derrogada, e da que estamos vendo as consecuencias no estrago que deixou de centos de miles de despedimentos de traballadoras e traballadores temporais, sen moitas das axudas, e dunha incerteza nas datas e contías de cobro”, sinalou Carril. Engadiu ademais o secretario xeral da CIG que “moitos destes ERTE son fraudulentos porque se están utilizando dunha maneira perversa e están prexudicando enormemente a importantes sectores da clase traballadora”.

Unha situación diante da que concluíu que esta fórmula foi “inxusta e equivocada” para afrontar esta situación.

“Xa non había a quen despedir”

Ademais denunciou que “se arbitraron medidas como a de prohibir os despedimentos cando xa non había a quen despedir, porque xa todo o mundo estaba despedido, como evidencian os datos de desemprego”.

Por iso lamentou a actuación do Goberno español, mais tamén a do galego, ao que lembrou que a CIG trasladou estas cuestións na xuntanza realizada o 11 de marzo.

Garantía de reincorporación

Carril incidiu especialmente na necesidade de que se dea unha “garantía de reincorporación ás despedidas e despedidos que non están nos ERTE”.

“Canto máis tarden en corrixir as inxustas medidas que se foron tomando, máis difícil vai ser a saída, para que esta sexa xusta para todas as traballadoras e traballadores e para o conxunto das maiorías sociais”, dixo Carril.

Reinicio da actividade

Preguntado polo plan esbozado pola Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, dun regreso á normalidade en dúas fases: a industria nun horizonte de verán e ocio, espectáculo e cultura a finais de ano, Carril apuntou que “volver ao traballo sen garantir a seguridade das persoas, con mecanismos de control estritos, desde esta segunda feira, foi porque non se quixo paralizar toda a actividade agás os servizos esenciais”.

Por tanto, considerou que calquera proposta que se faga de cara ao futuro “ten que seguir tendo como elemento fundamental protexer a seguridade das traballadoras e traballadores, tanto no que respecta á seguridade e ás condicións nas que volven aos seus postos de traballo, como á seguridade do punto de vista de que as persoas non queden excluídas, no máis absoluto desamparo social”.

Ademais dixo sobre as e os ministros, nomeadamente Yolanda Díaz, que “unha cousa é o que din, outra cousa é o que interpretan e outra cousa é o que escriben despois no Boletín Oficial do Estado”.

Pactos da Moncloa

Ante a proposta de reeditar os Pactos da Moncloa, o secretario xeral da CIG considerou que “non é neutral que se faga unha xestión desta crise aplicando unha suspensión das competencias das autonomías, nin que se faga nunhas coordenadas para nada de esquerda desde o Goberno e moito menos desde a Xunta”.

Valorou que a CIG pode estar de acordo con que os acordos son necesarios, pero cuestionou o que foron os Pactos da Moncloa porque “serviron como antesala para lexitimar moitas das medidas que provocaron un deterioro das condicións de vida da clase traballadora e o desmantelamento de sectores produtivos importantes”.

Por iso asegurou que “antes de falar e de invocar grandes acordos, sería interesante ir corrixindo as políticas que se fan no día a día, desinstalarse de gobernar dunha forma unilateral e sen atender moitas das reclamacións e peticións que se teñen feito”.

Comentarios