José Antonio Gómez Gómez, Secretario Xeral de UXT na Galiza

José Antonio Gómez: "Sen unha política industrial forte, o país fica abonado á precariedade"

O 13º Congreso de UXT-Galiza realizado en Compostela o 17 de marzo, adiado desde o ano pasado pola pandemia, avalou a actuación destes anos do seu secretario xeral, José Antonio Gómez, que recunca no cargo. A nova Executiva está formada por seis membros. Conversamos con el sobre a etapa que comeza.
O reelixido secretario xeral de UXT na Galiza, José António Gómez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O reelixido secretario xeral de UXT na Galiza, José António Gómez. (Foto: Nós Diario)

Como definiría estes anos de xestión na Unión Xeral de Traballadores (UXT)?

Foi unha xestión difícil e complexa. Ao principio estabamos transitando para saír da crise de 2008 e as súas consecuencias, como foron as reformas laborais e a das pensións xunto cunha fonda precariedade laboral. Nunha segunda parte xorde a pandemia e a actividade do sindicato centrouse, a través das nosas delegadas e delegados, en atender as necesidades inmediatas das persoas. 

Aparcamos momentaneamente algunhas das nosas reivindicacións, aínda que continuáramos con elas, mais loxicamente marcamos que a prioridade era a saúde das persoas. Implementamos algunhas medidas a través do Diálogo Social e da concertación, como foron o tema dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) ou o ingreso mínimo vital, aínda que non nos gusta como se están xestionando. Agora, unha vez que semella que a vacina ten os seus efectos, xa estamos intensificando as nosas accións cunha campaña de mobilizacións necesaria e imprescindíbel. Non desbotamos, se é necesario, unha folga xeral.

A derrogación desas reformas é a demanda máis importante agora mesmo na mesa de Diálogo Social tendo en conta que os ERTE rematarán algún día?

Apostamos polo mantemento dos ERTE, mais efectivamente se desapareceran coa situación de crise económica, podémonos atopar con que, coas medidas impostas pola reforma laboral, habería despedimentos sen xustificar que hoxe mesmo pode levar a cabo calquera empresa non por ter perdas senón só con ter previsións de telas, un despido sen ningún tipo de control de carácter administrativo... Ao final verémonos nos xulgados e con moitas posibilidades de que as traballadoras e os traballadores sexan despedidos cunha man diante e outra atrás se non se derrogan.

Que opinión ten da ministra de Traballo, Yolanda Díaz?

Non me gusta valorar a xestión dun Goberno, pois como principio básico creo que as decisións teñen que ser colectivas. Yolanda Díaz estivo máis á altura que a clase política na xestión da pandemia, grazas ao esforzo das organizacións sindicais e empresariais. Tamén para socorrer os máis prexudicados pola crise, as traballadoras e os traballadores. Dito isto, o obxectivo é que cumpra cos compromisos que ten coa cidadanía e a clase traballadora de derrogar as reformas laborais e as das pensións, unha cuestión que xa non se pode adiar máis.

Vimos dunha folga xeral en Ferrolterra. Como se pode reverter o futuro industrial que ten por diante Galiza?

Falar de industria galega é falar dun cóctel explosivo. Hoxe en día cando se fala de enerxías renovábeis, enerxías verdes e logo unha multinacional como Siemens Gamesa deslocaliza a produción... é unha indecencia. Nese aspecto o Goberno español  e o galego deberían presionar doutra maneira. É verdade que conseguimos para o seu cadro de persoal unhas condicións de saída digna mais a comarca queda sen unha das súas empresas punteiras. Por outro lado, Ferrol ten Navantia sen carga de traballo e non sabemos se se construirá o dique. Esta situación condena a comarca aos peores indicadores sociolaborais da Galiza. Se engadimos o feche de Meirama (Cerceda) e o anunciado feche das Pontes estamos diante da tormenta perfecta. Nós cremos  que hai que defender todos e cada un dos postos de traballo. Para iso son fundamentais os Gobernos español e galego, os partidos políticos tamén. Teñen que apostar por unha industria medioambiental sostíbel e competitiva que non deixe ninguén atrás. As empresas enerxéticas, que tanto se beneficiaron das condicións da Galiza, deberían traballar na chegada de novos proxectos. A enerxía incide directamente no desenvolvemento dun país. Sen unha política industrial forte estamos abocados a un modelo de país abonado á precariedade.

Que parte de culpa ten a Xunta desta situación?

No congreso estiveron o presidente da Xunta e o delegado do Goberno español. Nós demandamos un consenso de país. Creo que as organizacións sindicais estivemos á altura todo este tempo e os Gobernos non. Botaron balóns fóra. No caso de Alcoa fomos as organizacións sindicais as que apertamos e gañamos sentenzas xudiciais. Hoxe negóciase pola presión sindical. É lamentábel que Endesa estea en mans dunha multinacional na que participa o Estado italiano cando aquí o Estado español non ten ningunha. Neste crise deberiamos aprender o papel das Administracións públicas fronte ao papel de poder absoluto que teñen os mercados. 

A epidemia incrementou a fenda laboral de xénero. Que medidas se deberían tomar desde as Administracións?

Ten que haber unhas políticas por parte das Administracións. Por unha parte da galega, que é quen ten competencias, e tamén polo Estado español, para incentivar que a igualdade real exista dunha vez por todas. Tamén hai que mellorar os salarios en sectores moi feminizados como o das residencias de maiores.

Comentarios