A fenda salarial provoca que as mulleres traballen "gratis" até final de ano

Un informe de UXT a partir de datos de Eurostat sinala que as empresas "aforran" 51 días do salario das mulleres pola fenda salarial.
As mulleres concentran boa parte dos contratos temporais e non están igual de recoñecidas que os homes en moitos dos postos (Foto: Rankia).
photo_camera As mulleres concentran boa parte dos contratos temporais e non están igual de recoñecidas que os homes en moitos dos postos (Foto: Rankia).

UXT vén de lanzar unha campaña a nivel estatal para denunciar que desde esta cuarta feira, 11 de novembro, as mulleres traballan gratis. Segundo destaca o sindicato, as empresas "aforran" 51 días en soldos de traballadoras até o 31 de decembro, segundo os últimos datos de Eurostat correspondentes a 2020.

Aproveitando a presentación da campaña, o sindicato lembra que a discriminación salarial "é, de todas as discriminacións que sofren as mulleres, a que máis dificultades implica para ser erradicada". Ao seu xuízo, a fenda salarial só pode ser explicábel "desde o punto de vista do custo económico que ten para as empresas".

Así, indica, fala dun custo "que non sería tal porque corrixir esta discriminación permitirá unha maior integración das mulleres no mercado laboral cos consecuentes beneficios para a competitividade e produtividade das empresas e no ámbito económico e social". 

A secretaria de Igualdade e Xuventude de UXT-Galiza, Mónica Rodríguez, explica a Nós Diario que o informe do que sacan esta cifra está baseado nos datos de Eurostat, que falan da fenda salarial por hora traballada, pero que os datos cos que se traballa na Galiza son os de salario medio que, como apunta, "esconden outro tipo de discriminacións".

Entre estas discriminacións, Rodríguez sinala o feito de que moitas das contratacións a tempo parcial non son algo voluntario, xa que 90% das persoas que recorren a estes contratos para atender outras necesidades son mulleres. Tamén estarían os complementos salariais, percibidos en maior contía por homes que por mulleres, entre outras variábeis "que fan que esteamos neses datos tan alarmantes".

A secretaria de Igualdade de UXT-Galiza refírese ao último dato sobre fenda salarial na Galiza (de 2018) que sitúa a desigualdade entre homes e mulleres en 21,3%. Como recoñece, entre 2016 e 2018 "descendeu lixeiramente", mais aínda é superior ao de 2014. "Se seguimos a este ritmo non remataríamos coa desigualdade até 2046", advirte.

Con todo, garda motivos para a esperanza, e máis após as últimas modificacións lexislativas, tanto o ano pasado co Real Decreto 6/2019, como cos dous regulamentos publicados froito do diálogo social o pasado mes de xullo en materia de desenvolvemento de plans de igualdade e salariais. "Xa é algo ao que poder acollerse para seguir avanzando neste ámbito", apunta Rodríguez, quen avoga por "seguir loitando" e sensibilizando as persoas de que é unha cuestión "moi grave". "É algo inasumíbel. Por iso queremos concienciar a sociedade en xeral e reforzar as inspeccións para que este tema saia á luz e se poida avanzar, xa que os progresos nos últimos anos son mínimos", lamentou

Pouca contundencia

Margarida Corral, responsábel da Secretaría das Mulleres da CIG, cre que as medidas do Goberno español "non son suficientes para acabar con esta fenda". Critica a "falta total de contundencia" no que son as sancións as empresas. "Que non se lles exixa ás empresas xustificar as diferenzas inferiores a 25% xa che dá unha imaxe de que na Galiza a normativa que hai é de todo insuficiente", afirma a sindicalista, que lamenta o feito de que a sociedade lle dea un valor inferior aos traballos que están desenvolvidos por mulleres.

Esta realidade é especialmente dolorosa cando durante a pandemia quedou demostrado que as profesións máis feminizadas, as centradas nos coidados, resultaron ser "totalmente esenciais" e, por contra, non tiveron un recoñecemento económico, senón todo o contrario, "dobre ou tripla xornada nos momentos máis duros da pandemia", como o actual. 

Nesta liña, Corral destaca tamén que o fechamento de colexios e centros de día levou moitas mulleres a renunciaren a parte da súa xornada laboral ou mesmo ao emprego para facerse cargo dos familiares. "O que deixaron de percibir salarialmente durante a pandemia pode ser brutal, con efectos negativísimos de cara á economía das mulleres", advirte.

Por iso exixe que, como leva defendendo a CIG nos últimos meses, "os coidados centren as políticas públicas, que se poña o coidado das persoas no centro, mais a resposta que vimos por parte das Administracións foi para salvar a economía, non as persoas", lamenta a responsábel da CIG.

Comentarios