Día da Clase Obreira Galega

"Queremos vivir e traballar dignamente na nosa terra": Folga Xeral en Ferrolterra, Eume e Ortegal

Este 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, gardará en Ferrolterra, Eume e Ortegal un compoñente especial ao ter lugar unha folga xeral convocada polas centrais sindicais CIG, CCOO e UXT. Partidos políticos, institucións locais e asociacións empresariais, de comerciantes e hostalaría deron o seu apoio.
faixa
photo_camera Cabeceira da manifestación (Foto: CIG)

O adiamento da folga prevista para as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal o día 25 de febreiro para a xornada de hoxe, 10 de marzo, sumou un compoñente simbólico máis de reivindicación a unha zona da Galiza castigada historicamente pola súa dura situación laboral. Este ano o Día da Clase Obreira Galega lembrará que hai case corenta anos, en 1972, a loita por salvar a industria custoulles a vida a dous traballadores da antiga Bazán. 

Desde a reconversión de Astano e redución de persoal en Navantia, até unha nova onda de expedientes de regulación de empresas (ERE) ou feches como no caso de  Poligal, Cándido Hermida, Noa, Galicia Téxtil,  Gamesa e térmica das Pontes deixaron sen saída laboral a milleiros de persoas. Ademais, en torno aos estaleiros de Navantia atopamos a situación das súas auxiliares, entre 40 e 50, que de contar con até 4.000 traballadoras e traballadores xa perdeu desde o ano pasado 2.500 empregos e o resto eliminaríanse tamén se non chega nova carga de traballo á comarca. 

Apoios para unha xornada histórica 

"Contamos que sexa un éxito e estámolo vendo nas asembleas que realizamos nas empresas e pola rúa distribuíndo información", asegura Manel Grandal, responsábel comarcal da CIG en Ferrol, "entendemos que ten que ser unha folga de toda a cidadanía", engade. A situación de crise económica agravada pola pandemia da Covid-19 afectou a todos os sectores polo que os apoios viñeron desde todas as formacións políticas até as asociacións de empresarios e comerciantes. Neste sentido, fontes da asociación de empresarios de Ferrolterrra consultadas por Nós Diario confirmaron que tamén secundarían esta folga "pola preocupación do futuro que teñan as nosas comarcas", aínda que deixan liberdade ás súas asociadas e asociados de fechar ou non os seus estabelecementos".

"Sectores moi concretos como o da hostalaría, que se está sumando, mesmo pequeno e mediano empresariado, que entenden que hai que facer esta mobilización", apunta a Nós Diario Grandal. A explicación, para este sindicalista, é que "por exemplo en Ferrol, moita hostalaría vive de Navantia, desde tripulacións até os propios operarios, e agora non hai carga de traballo". 

José Antonio Díaz, responsábel de UXT en Ferrol, conta con que estes apoios "fagan que a mobilización sexa maioritaria". A manifestación, convocada para as 12 horas, con saída na rotonda da avenida Nicasio Perez coa Trincheira, contará con todas as medidas previstas polas circunstancias sanitarias do momento. "O ideal é que sexa unha marcha tranquila e segura, sen riscos", indica Díaz a Nós Diario. En relación aos apoios de todas as formacións políticas, mesmo do PPdeG, Díaz pídelles "que se poñan a traballar no mesmo sentido que estamos a traballar nós". Así pois, demanda que "o primeiro que hai que facer é derrogar as reformas laborais e subir o salario mínimo interprofesional".

As redes sociais serviron de canle para mostrar esa solidariedade que chegou desde múltiples organizacións. No mundo do deporte, por exemplo, clubs deportivos como o Rugby Ferrol, o Valdetires Ferrol F.S.F ou o Parrulo Ferrol F.S. subiron fotografías de apoio facendo un chamamento a participar na xornada de folga. Propietarias e propietarios de comercios, bares e restaurantes fixeron o mesmo  chamando a participar na folga xeral destas comarcas.

Risco de ermo industrial para estas comarcas

Desde CCOO, a través dun manifesto difundido con motivo do 10 de marzo, sinalan que a comarca de Ferrol, "corre o risco de se converter nun ermo industrial e debe servir de alerta a toda Galiza". Engaden que como consecuencia da pandemia "vimos en primeira man a necesidade de contar cun sector industrial forte que, ademais de xerar emprego cualificado e de calidade, impida que sectores esenciais para a nosa economía dependan dos vaivéns das cadeas de subministración internacional". Instan o Goberno galego a aproveitar os fondos europeos xa que "por vez primeira, Europa decide afrontar unha crise económica con políticas expansivas, non de recortes". Rematan o manifesto pedindo que non se transmita á sociedade "unha idea errónea de transición e facer que as pantasmas da reconversión volvan ás mentes dos galegos e das galegas: é importante xerar empregos, pero igual de importante é que estean vinculados a actividades perdurábeis".

Comentarios