Persoal de salvamento marítimo fará folga para reclamar "mellores condicións"
Persoal de mantemento dos seis helicópteros que proporcionan servizos aéreos de emerxencias na Galiza (dous de salvamento marítimo, dous de gardacostas e outros dous contra incendios forestais) está chamado á folga para reivindicar á empresa Babcock -adxudicataria do servizo aéreo de salvamento marítimo da Xunta da Galiza- unha mellora nos salarios, así como avances na negociación dun convenio que leva anos "estancada".
O persoal chamado ao paro, que se desenvolverá en varias xornadas alternas desde o 31 de marzo até o 21 de maio, son unha vintena e pertencen a Avincis, que é como se chama agora Babacock (antiga Inaer).
Porén, esta medida reivindicativa non ten efecto na práctica, pois conta cuns servizos mínimos de 100%, algo que, segundo denuncia o coordinador do Sindicato Libre de Traballadores Aéreos (SLTA), Enrique Durán, "coártanos moitísimo".
Durán sostén que o Goberno estatal e o galego "deberían tomar cartas no asunto" xa que se trata de contratos "de alto valor social e económico" polo que empresas como esta "teñen collida polo pescozo a Administración" sen atender as condicións do persoal.
No caso galego, afecta tamén á sección de investigación dos drons do aeródromo de Rozas, en Castro de Rei, onde a Xunta autorizou a sinatura de cadanseu convenio coas empresas Babcock, Airus e Telespazio, os tres primeiros "socios estratéxicos" do que denomina "polo aeroespacial da Galiza".
Folga de transporte
O sector do transporte de viaxeiros e viaxeiras por estrada foi chamado esta sexta feira á folga para reivindicar "un convenio digno e contra o abandono do sector". A CIG, UXT e CCOO convocaron unha serie de concentracións nas sete cidades galegas co obxectivo de demandar o desbloqueo da negociación colectiva, pois, como sinalou a CIG, "os catro convenios provinciais están paralizados".
Os sindicatos criticaron o decreto de servizos mínimos da Xunta, dado que impón unha actividade media de 80%, que chega a ser de 100% nas horas puntas, tanto nos servizos regulares como no transporte escolar.