O persoal da inspección marítima irá esta terza feira á folga contra os novos horarios

O Executivo do Estado español busca impor xornadas con 24 horas de dispoñibilidade para o persoal da inspección marítima, que se opón á instauración desta medida sen que haxa compensación económica.
Porto de Burela (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Porto de Burela (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O persoal de inspección marítima, encargado de controlar que as actividades pesqueiras en mar e porto se realizan de modo regulamentario e evitar a captura de especies prohibidas, convocou folga esta terza feira en todos os portos.

A folga ten como obxectivo protestar pola intención do Executivo do Estado español de impor uns cambios nas súas condicións de traballo que implicarían a súa dispoñibilidade durante as 24 horas do día.

Este paro xeral, convocado pola CIG, CSIF, CCOO e ELA, completarase con dúas concentracións en Madrid diante dos Ministerios de Agricultura e de Política Territorial, xa que os inspectores de Pesca dependen de ambos os departamentos, segundo exerzan o seu labor na costa ou en Madrid desenvolvendo labores administrativos.

O cadro de persoal, que está composto por 30 persoas na Galiza e por un total de 167 a nivel estatal, exixe un complemento salarial específico a cambio de ter dispoñibilidade absoluta, mentres que o Executivo español limitouse a ofrecer un complemento de produtividade que o persoal considera insuficiente.

Normativa persecutoria co sector pesqueiro

O representante da CIG na mesa delegada do Ministerio de Política Territorial, Xosé Ríos, en conversa con Nós Diario, explica que os seus horarios "non se adaptan á nova normativa de Bruxelas, que cada vez é máis restritiva e máis persecutoria sobre o sector pesqueiro".

En consecuencia, sinala Ríos, "impuxéronnos unha nova instrución para estar localizábeis a dúas horas, o que na práctica significa que durante dous meses ao ano temos que estar dispoñíbeis durante toda a semana a calquera hora".

"Rexeitamos esta orde porque non nos dan unha compensación clara nin en termos económicos nin en tempo de descanso", conclúe o representante da CIG na mesa delegada do Ministerio de Política Territorial.

Comentarios