Persoal de salvamento marítimo fará folga para reclamar "mellores condicións"

Xornada de paros no transporte por estrada
Un helicóptero dos Gardacostas da Galiza. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).
photo_camera Un helicóptero de gardacostas da Galiza (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).

Persoal de mantemento dos seis helicópteros que proporcionan servizos aéreos de emerxencias na Galiza (dous de salvamento marítimo, dous de gardacostas e outros dous contra incendios forestais) está chamado á folga para reivindicar á empresa Babcock -adxudicataria do servizo aéreo de salvamento marítimo da Xunta da Galiza- unha mellora nos salarios, así como avances na negociación dun convenio que leva anos "estancada".

O persoal chamado ao paro, que se desenvolverá en varias xornadas alternas desde o 31 de marzo até o 21 de maio, son unha vintena e pertencen a Avincis, que é como se chama agora Babacock (antiga Inaer).

Porén, esta medida reivindicativa non ten efecto na práctica, pois conta cuns servizos mínimos de 100%, algo que, segundo denuncia o coordinador do Sindicato Libre de Traballadores Aéreos (SLTA), Enrique Durán, "coártanos moitísimo".

Durán sostén que o Goberno estatal e o galego "deberían tomar cartas no asunto" xa que se trata de contratos "de alto valor social e económico" polo que empresas como esta "teñen collida polo pescozo a Administración" sen atender as condicións do persoal.

No caso galego, afecta tamén á sección de investigación dos drons do aeródromo de Rozas, en Castro de Rei, onde a Xunta autorizou a sinatura de cadanseu convenio coas empresas Babcock, Airus e Telespazio, os tres primeiros "socios estratéxicos" do que denomina "polo aeroespacial da Galiza".

Folga de transporte

O sector do transporte de viaxeiros e viaxeiras por estrada foi chamado esta sexta feira á folga para reivindicar "un convenio digno e contra o abandono do sector". A CIG, UXT e CCOO convocaron unha serie de concentracións nas sete cidades galegas co obxectivo de demandar o desbloqueo da negociación colectiva, pois, como sinalou a CIG, "os catro convenios provinciais están paralizados".

Os sindicatos criticaron o decreto de servizos mínimos da Xunta, dado que impón unha actividade media de 80%, que chega a ser de 100% nas horas puntas, tanto nos servizos regulares como no transporte escolar.

Comentarios