Sanidade pública

Enfermeiras reclaman melloras laborais e advirten: "Non hai plans funcionais, non hai protocolos, non hai supervisión..."

Cos actuais recursos, aseguran, "non podemos dedicar aos pacientes o tempo que requiren".
Concentración convocada polo colectivo 'Enfermeras APT' fronte ao CHUS. (Foto: Europa Press)
photo_camera Concentración convocada polo colectivo 'Enfermeras APT' fronte ao CHUS. (Foto: Europa Press)

As enfermeiras do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), convocadas polas colectivo 'Enfermeiras APT', concentráronse esta terza feira ás portas do hospital para alertar da falta de profesionais e da "completa anarquía" na organización, alén de reclamar melloras nas condicións laborais e económicas do corpo de enfermaría. Ao fío das 13 horas decenas de profesionais, arroupadas tamén por algúns pacientes, concentráronse fronte ao CHUS con pancartas nas que se podía ler 'Alúgase sanitario' ou 'Buscamos estabilidade laboral'.

As reivindicacións non son exclusivas da capital galega. Repetíronse, á mesma hora, fronte aos complexos hospitalarios de Monforte, da Coruña e de Pontevedra. Previamente, ás 11 horas, decorreu outra fronte ao HULA. "Isto é unha completa anarquía desde a Covid. A administración colleu por sistema non organizar directamente nada. Xa directamente non seguen a lista de contratación, que busquemos nós a través de WhatsApp as coberturas...", censurou a portavoz do colectivo, Patricia Fraga Díaz.

Reclaman ademais, melloras salariais, dado que "desde a crise, baixaron os soldos, que non soben conforme ao IPC". Tamén piden unha mellora da organización dos coidados: "Non podemos dedicar aos pacientes o tempo que requiren. Non hai plans funcionais nas plantas, non hai protocolos, non hai seguimento nin control dos coidados. Non hai supervisión", lamentou.

Por outra parte, Fraga apuntou á "fuga masiva" do persoal de enfermaría e doutras categorías, "que prefiren traballar na privada e noutras comunidades" onde, salientou, hai unha maior estabilidade. "Estamos con contratos por días, sen respectar descansos. Tentan que se dobren quendas incentivando con pagas extra, cando hai xente ao fondo da lista sen chamar. Están ben como medidas extraordinarias, en momentos puntuais, con sobrecarga de traballo, como coa Covid ou durante o mes de agosto [...], pero un cadro de persoal que non descansa non pode dar a calidade asistencial que merecen os pacientes", advertiu.

A portavoz avanzou que "se en San Lázaro non sentan a negociar unha mellora das condicións de traballo, tanto económicas como de organización", non descartan ir á folga. E xa están a traballar con xuntas de persoal doutras áreas sanitarias para transmitir as súas demandas conxuntamente. Respecto dos últimos acordos alcanzados da man dos sindicatos, dixo que "asinan cousas polas que nós non queremos pasar". "Hai unha perda total de contacto coa enfermaría, como a administración. É hora de que nos escoiten", afirmou.

O Sergas defende a súa xestión

Pola súa parte, o Sergas defendeu que, desde a pandemia, os cadros de persoal de enfermaría incrementáronse "en máis de 1.000 profesionais de media", tanto en atención primaria como en hospitalaria, "mellorando substancialmente as cotas de primaria e as ratios de unidades especiais e unidades de especialización en constante mellora".

Aseguran que o persoal de enfermaría "mellorou substancialmente" as súas condicións de traballo no pasado mes de xullo, cunha rebaixa de 16 días de traballo efectivo en tres anos, así como unha suba salaria en conceptos como festivos, sábados, domingos, ou venres dentro do concepto de festividade e nos postos de tarde e deslizantes.

Pon en valor tamén as políticas de igualdade e medidas de benestar para os profesionais, así como as especialidades. Actualmente, sinalan, hai case 1.000 enfermeiras especialistas, das que 200 traballan en atención primaria na especialidade de pediatría e familiar e comunitaria.

Por último, inciden en que desde 2019 implantouse o nomeamento de continuidade para dar estabilidade ao persoal que cobre ausencias en áreas específicas e PAC, "con contratos de tres anos para cobertura de ausencias que ao final da súa vixencia transfórmanse en prazas estables con contratos de interinidade". E conclúen asegurando que están en marcha convocatorias para dar prazas estábeis a 2.000 profesionais de enfermaría —sumando oposición, concurso de méritos e especialidades—.

Comentarios