Persoal do metal ourensán encara a súa décima xornada de folga

Sindicatos tachan a negociación de "pouco frutífera".
Manifestación do sector do metal en Ourense a pasada segunda feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manifestación do sector do metal en Ourense a pasada segunda feira (Foto: Nós Diario).

A folga no sector do metal ourensán xa acumula máis de 10  días e, polo de agora, continuará de forma indefinida, segundo sinalou a Nós Diario Indalecio Gómez, secretario da CIG-Industria en Ourense. Gómez explicou que "a participación na folga é moi ampla e que o persoal laboral está secundando os paros."

"Mentres non solucionemos o problema da revalorización salarial, pois reivindicamos un IPC real para o metal, tal e como berramos, a mobilización seguirá", sinalou o sindicalista. "Manterémonos na folga até conseguir garantir o noso poder adquisitivo", redundou Gómez.

A pasada terza feira, representantes sindicais do persoal laboral mantiveron unha reunión de máis de oito horas coa presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais e a patronal do metal ourensán na Casa do Chocolate (edificio da Xunta).

"Foi un encontro moi pouco frutífero, a patronal está mareando a perdiz, falando coloquialmente", afirmou Gómez. "Nós si fixemos concesións, mais sempre dentro dunhas liñas vermellas porque o marxe de negociación é moi pequeno por ambas as partes", explicou. "Despois de oito horas non se moveron máis que medio punto (de incremento nos salarios)", remarcou o sindicalista.

A pasada segunda feira tivo lugar unha manifestación do sector do metal ourensán polas rúas de Ourense, unha mobilización que foi cualificada polas tres centrais sindicais convocantes (CIG, CCOO e UXT) como un "rotundo éxito".

A folga indefinida "segue a parar practicamente 100% do sector e centos de traballadoras e traballadores forman parte dos piquetes", resaltaron os tres sindicatos, que tamén denunciaron as "cargas policiais" durante a mobilización.

A representación das persoas traballadoras do sector do metal ourensán exixen, na súa última proposta, "6,5% (de revisión salarial no convenio) para o ano 2022, 6,5% para o ano 2023 e 5% para o ano 2024", ademais da "cláusula de revisión co IPC que garanta o poder adquisitivo para a clase traballadora".

Ademais, os organizadores do XIII Salón do Automóbil de Ourense, previsto para os días 14, 15 e 16 de outubro, decidiron cancelar o evento por mor da folga do sector do metal. 

"No transcurso da negociación comentamos que neste contexto de folga indefinida intentaríamos que o salón non se celebrara con normalidade, polo que as persoas traballadoras do metal ourensán podemos considerar este anuncio como un vitoria entre comiñas", explicou Indalecio Gómez a este xornal.

Comentarios