Mobilización contra a proposta patronal para o convenio do metal

Delegados e delegadas da CIG mobilizáronse na Coruña contra a oferta da patronal, que recolle unha suba salarial minguada sen garantía doutras melloras sociais e laborais.
Concentración por un convenio digno para o metal na Coruña.
photo_camera Concentración por un convenio digno para o metal na Coruña.

Delegados e delegadas da CIG no sector do metal concentráronse esta maña diante da sede da Confederación de Empresarial da Coruña para amosar o seu rexeitamento á proposta da patronal para o convenio de siderometal, xa que non responde ás demandas trasladadas pola representación sindical.

A protesta tivo lugar tras a asemblea de delegados e delegadas da CIG-Industria na que abordaron a situación da negociación e valoraron os pasos a seguir. Eduardo Caamaño, voceiro da CIG na mesa de negociación, explicou que a mesa se constituíu a finais de 2019 mais a pandemia deixou en suspenso as reunións durante todo o pasado ano.

Após esta demora, as tres centrais sindicais remitíronlle en abril á patronal unha proposta fechada para un acordo parcial sobre as táboas de 2020 cunha suba salarial de 1% e o compromiso de seguir negociando o texto durante este ano, estabelecendo un calendario de reunións periódicas e abordando aquelas materias que para a CIG son fundamentais pero que quedaron fóra do convenio actual, como o dereito á subrogación do persoal das contratas, limitacións á contratación a través de ETT, o control das mutuas ou a recuperación da revisión salarial que existía previamente.

A patronal respondeu cunha contraoferta de suba salarial de 0.5% para 2020 e do 1% para 2021, sen garantía de negociar outras melloras sociais e laborais. "Esta proposta non nos vale porque a plataforma unitaria que lle remitimos é fechada, co obxectivo de termos negociado este ano o novo convenio provincial no que se deben incluír melloras laborais, sociais e salariais", sinala.

Mesa de negociación

O vindeiro martes, 25 de maio, está convocada xuntanza da mesa de negociación na que as centrais sindicais darán resposta á proposta da patronal. "Pola nosa parte xa lle dixemos que non a aceptamos e que non imos entrar a negociar  esta oferta. Isto foi o que explicamos na asemblea de delegados e delegadas da CIG, á quen lles pedimos que nos trasladaran as súas opinións e os pasos a dar se a patronal se mantén na súa postura", apunta Caamaño.

Con esta primeira mobilización, a CIG quixo advertir que non asinará ningún acordo se non leva implícito a negociación do conxunto do articulado do convenio colectivo, apuntou o sindicato nun comunicado. "Non imos admitir que se pretenda liquidar a negociación do convenio provincial do metal a cambio dunha mínima suba salarial, deixando sen resolver demandas fundamentais para o persoal do sector e afondando na precariedade laboral", precisou a CIG-Industria.

Comentarios