Miles de traballadores do metal toman as rúas da Coruña exixindo melloras salariais e laborais

A mobilización concluíu ante a sede da Confederación de Empresarios da Coruña, á que culparon da non aprobación, polo de agora, dun convenio para o sector que recolla as súas demandas.
Manifestación na Coruña do sector do metal, esta cuarta feira. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Manifestación na Coruña do sector do metal, esta cuarta feira. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Varios miles de traballadores do metal da Coruña —máis de 5.000, segundo os sindicatos, e 1.400, segundo datos da Policía Local— mobilizáronse esta cuarta feira na cidade herculina para demandar un convenio e melloras salariais e laborais.

Fixérono no marco dunhas xornadas de paro que veñen protagonizando durante este mes e que, nesta ocasión, consistiu nunha manifestación desde a rotonda de Santa Cristina até Monelos, onde se atopa a sede da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC).

Na mobilización cortaron o tráfico desde a ponte da Pasaxe en dirección á Coruña e pasaron pola avenida de Alfonso Molina. Durante a mesma, e tamén durante os piquetes informativos, escoitáronse os petardos que lanzaron na terceira xornada de folga do sector, á que foron convocados os máis de 16.000 traballadores que o integran, así como as proclamas 'Convenio do metal solución' ou 'Con esta patronal vai moi mal'.

Eduardo Camaaño, portavoz de CIG-Industria no convenio do metal, cualificou de "éxito" esta terceira xornada de folga e cifrou en 80% o seguimento nas empresas de máis de 50 traballadores. A folga e as mobilizacións convocáronse após dous anos de negociacións "sen avances" e logo de que a patronal, na última reunión, presentara unha proposta económica que os sindicatos rexeitan

Aínda que apuntan a que non hai grandes diferenzas entre o que una e outra parte expoñen, rexeitan unha "xornada irregular" ou un convenio a seis anos "sen actualización do IPC no salario". Tamén piden a subrogación de traballadores de empresas de mantemento.

Persoal de Barreras mobilízase polo mantemento dun cento de empregos

Por outra parte, traballadores do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras volvéronse manifestar esta cuarta feira diante da Delegación da Xunta en Vigo para reclamar unha solución para a compañía que supoña o mantemento do emprego.

Protesta do persoal de Barreas, esta cuarta feira, en Vigo. (Foto: UXT)
Protesta do persoal de Barreas, esta cuarta feira, en Vigo. (Foto: UXT)

Convocada pola sección sindical de UXT-Fica, decenas de empregados criticaron a decisión do Xulgado do Mercantil de Vigo de autorizar a venda a Armón da unidade produtiva de Barreras, quedando só con 20 dos máis de 120 empregados.

"Desde UXT-Fica Vigo consideramos necesario activar todos os resortes, incluída a Administración, para dar continuidade aos postos de traballo cualificados que poden chegar a desaparecer. Non sería admisíbel que, unha vez que a venda do estaleiro contempla a súa reactivación, esta poda facerse sen contar cos traballadores", lamentou o sindicato.

O persoal apoiaba a oferta presentada por Gondán, que garantía a "práctica totalidade" dos empregos.

Comentarios