360 empresas do metal fecharon na Galiza desde o inicio da pandemia

A patronal do metal, Asime, amosa a súa preocupación pola situación de sectores como a automoción e o naval galegos.
O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, durante a presentación onte do informe sobre o sector metalúrxico galego de 2021 (Foto: Asime)
photo_camera O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, durante a presentación onte do informe sobre o sector metalúrxico galego de 2021 (Foto: Asime)

O sector do metal representa 41,4% do emprego industrial da Galiza, unha porcentaxe que vai a menos polo incesante goteo de feches do sector. Desde o inicio da pandemia o país perdeu 360 empresas, 60 no último ano, o que supuxo á súa vez un descenso de 5% no emprego no sector. 

Este dato, que supón uns 290 postos de traballo menos, contrasta co crecemento de 0,5% rexistrado no Estado español, o que dá conta da crise industrial na que está inmersa a Galiza.

O secretario xeral da patronal Asime (Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia), Enrique Mallón, foi o encargado de presentar onte en Vigo o informe sobre a situación do metal galego en 2021, un sector que supón 20% do Produto Interior Bruto galego (PIB) e engloba 3.734 empresas, que o pasado ano facturaron en conxunto 12.639 millóns de euros, 5% máis que en 2020.

A automoción representa tres cuartas partes desa facturación (9.264 millóns de euros), o que a converte no gran motor do sector, con 66,8% das exportacións do sector, que á súa vez representa 41,8% das exportacións totais galegas do pasado ano.

Un motor 'gripado'

Porén, 2021 non deixa cifras moi positivas neste segmento de actividade. Como destaca a patronal, a automoción galega ten por diante o reto da 'crise dos  microchips' e o cambio cara ao vehículo eléctrico, así como a necesidade de atraer novos investimentos.

O ano pasado, logrou manter o emprego (caeu 0,65%, até deixar en 19.566 persoas) pero a produción sufriu un importante esborralle, que levou por diante o crecemento de 22% de 2020. En total, producíronse na Galiza 325.082 vehículos o pasado ano, o que representa 34,5% menos, cinco veces máis que no conxunto do Estado (7,5%).  

Outro dos subsectores, o da aeronáutica, tamén fixo un esforzo por conservar talento, reactivarse e impulsar a facturación ─con 89 millóns de euros, 6% máis que en 2019─, segundo destaca Asime no seu informe.

Na actualidade, máis de 30 empresas galegas traballan directamente para grandes fabricantes ou provedores de primeiro nivel, o que se ve reflectido nas exportacións, que medran 83,1% respecto a 2020, até os 18,22 millóns de euros.

Asime entende que a aeronáutica e a industria aeroespacial galega, que dá emprego a 1.226 persoas no país, "seguen castigadas pola crise", por iso avoga por explotar "mercados nicho" como o dos drons ou o militar.

A construción e as estruturas metálicas foi o único subsector que logrou crear emprego o pasado ano, aínda que só 0,5% máis, até as 16.127 persoas empregadas. A facturación ascendeu a 487 millóns de euros, 5% máis que en 2020.

O naval preocupa

En 2021, os estaleiros galegos perderon o primeiro posto a nivel estatal, a pesar de crecer en contratos, con sete, catro máis que o ano anterior.

O problema, como explicaron desde a patronal galega do metal, é que a carteira de pedidos volveu descender (dúas unidades menos que o ano anterior). A industria do naval, que facturou o pasado ano 3% máis (801 millóns) que en 2020, aínda que destruíu 1% do emprego (traballan no sector 8.037 persoas na Galiza), "está a perder capacidade de forma preocupante", alertan desde Asime.

Entre as receitas para darlle a volta a esta delicada situación, segundo destaca a patronal no seu informe, estaría recuperar a actividade de construción  naval no estaleiro vigués Hijos de J. Barreras, en pleno proceso de venda, e apostar de forma decidida polos compoñentes para a eólica mariña.

Retos do sector

Nas conclusións do informe, Asime destaca que as materias primas, as subministracións e guerra de Ucraína "presentan un panorama de incerteza que pode retardar a recuperación", así que os fondos europeos, di, representan "unha oportunidade que non pode perder o metal galego".

Xunto a isto sinalan o reto da formación e dixitalización e o de facer retornar doutros países industrias chave para non seguir perdendo competitividade.

Comentarios