O sector do metal mobilízase no Carballiño e prosegue a folga indefinida

O Goberno ourensán quere mediar no conflito para achar unha "solución satisfactoria".
Manifestación, esta segunda feira, no Carballiño. (Foto: CIG)
photo_camera Manifestación, esta segunda feira, no Carballiño. (Foto: CIG)

O sector do metal ourensán continúa a folga indefinida que comezou a semana pasada en diferentes puntos da provincia ao non lograr un acordo coa patronal para rubricar o convenio do persoal.

As xornadas de folga chegaron esta segunda feira até O Carballiño, onde traballadores e representantes sindicais realizaron unha concentración na praza Maior, ante o Consistorio, para reclamar unha reunión co rexedor, Francisco Fumega.

Con pancartas, chifres, 'vuvuzelas', megáfonos e consignas como "IPC real para o metal", as persoas manifestantes ocuparon a praza Maior durante parte da mañá, antes de que o rexedor do Carballiño accedese á reunión para coñecer desde dentro a situación que atravesa o sector, e achegar posturas que poñan fin ao paro indefinido. Precisamente no Carballiño atópase unha das empresas punteiras no sector, Gri Towers, onde os piquetes se citaron diariamente desde o primeiro día de folga.

Mentres isto ocorría no Carballiño, na cidade de Ourense o tenente de alcalde, Armando Ojea, dialogou nas instalacións da Confederación Empresarial de Ourense co seu secretario xeral, Jaime Pereira, e a asesora xurídica, María de Miguel, para interesarse polas actuais circunstancias da folga.

Durante a reunión, os representantes empresariais expuxeron a súa visión e posición do conflito e o tenente de alcalde comunicoulles a "vontade" do Goberno municipal de prestar axuda, para "contribuír no posíbel" ao desbloqueo da cidade.

Algo ao que xa se comprometera o rexedor, Gonzalo Pérez Xácome, a pasada sexta feira, logo de manter unha reunión improvisada con representantes das tres centrais sindicais que convocaron o paro: CIG-Industria, Comisións Obreiras e UXT.

Ojea asegurou que o Goberno local é "consciente da problemática" derivada da folga e da "dificultade dunha solución satisfactoria", mais asegurou que mantén o contacto tanto con representantes sindicais como con representantes do sector empresarial, reiterando a disposición de mediar.

Comentarios