Persoal da sanidade privada rebélase contra a patronal: "Queren escravas, non traballadoras"

Traballadoras e traballadores dos hospitais privados da Coruña, Compostela e Ferrol concentráronse esta cuarta feira diante do centro HM Rosaleda, na capital galega, para reclamar "condicións laborais dignas". É a segunda protesta que convocan durante a negociación dun convenio que a patronal pretende revisar á baixa. A primeira foi na Coruña a semana pasada. A próxima será en Ferrol, en seis días.
Protesta do persoal da sanidade privada onte en Compostela convocada pola CIG, CCOO e UXT. (Foto: Arxina).
photo_camera Protesta do persoal da sanidade privada esta cuarta feira en Compostela convocada por CIG, CCOO e UXT. (Foto: Arxina)

"Nunca foi unha negociación doada neste sector, pero agora o que queren son escravas, non traballadoras", afirma a Nós Diario Laura Méndez, presidenta do comité de empresa do hospital Quirón da Coruña e delegada sindical da CIG. Méndez describe unha patronal forte na mesa de negociación dun convenio colectivo que se comezou a tratar a finais de 2022 e que afecta 4.000 profesionais, 2.500 mulleres. "Quen senta a negociar aquí son os lobbies da sanidade privada, que na Galiza está en mans das maiores empresas de sanidade do Estado: Quirón, HM e Rivera; xente afeita a comprar e a vender hospitais, máis propensa ao conflito e á mediación que a unha verdadeira negociación".

Após catro reunións, a patronal rexeitou a proposta "moi ambiciosa" da parte social, que á súa vez desbotou os dous ofrecementos presentados polos hospitais privados. "A primeira proposta incluía un recorte de dereitos adquiridos para nós innegociábeis, á que o pasado mes de xuño sumaron outra con novas rebaixas, outra mingua de dereitos que son auténticas liñas vermellas para as traballadoras".

Laura Méndez: "En vez de acordar un convenio para dignificar as condicións laborais de todas as traballadoras e categorías o que propoñen son recortes"

Manifestación do persoal da sanidade privada diante do hospital HM Rosaleda de Santiago. (Foto: Arxina)
Manifestación do persoal da sanidade privada diante do hospital HM Rosaleda de Santiago. (Foto: Arxina)

Convenio digno

A CIG, CCOO e UXT láianse de que os patróns da sanidade privada queiran conxelar o plus de antigüidade, "retribuído con 5% do salario base", e "recortar o cobro de 100% da IT, tanto en enfermidade común como en accidente laboral, a 50% os primeiros tres días da baixa", concreta Méndez. As negociacións están en suspenso. "En vez de acordar un convenio para dignificar as condicións laborais de todas as traballadoras e categorías o que propoñen son recortes. É insultante", resume a portavoz.

Segundo detalla a este xornal, o persoal da sanidade privada da Coruña fai a xornada máxima estabelecida no Estatuto dos Traballadores: 1.826 horas anuais. Por iso, entre as demandas que lle trasladaron á patronal está a redución da súa xeira pero tamén a regularización dos permisos a días laborais e a retribución dos domingos traballados, "que non están a cobrar malia facer quendas rotatorias complexas de mañá, tarde e noite de segunda feira a domingo e librar só un de cada catro".

Méndez asegura que na privada non son tantas traballadoras como na pública pero ao igual que na rede pública a precariedade laboral é precariedade asistencial. "E o Sergas é coñecedor" en referencia aos concertos dos hospitais privados co Servizo Galego de Saúde. "É do que viven. E o que buscan é seguir obtendo beneficios sen investir en persoal", que soporta ratios maiores e unha carga de traballo máis elevada, conclúe.

O 4 de outubro persoal da sanidade privada da Coruña levará a protesta a Ferrol. Concentrarase diante do Hospital Juan Cardona (Rivera) para censurar, tamén, "o comercio de persoal" que afecta á categoría de enfermaría, a máis numerosa. "Cada mes páganlles 300 euros máis unha extra anual fóra de convenio para retelas, mentres outras categorías de nivel inferior non chegan sequera ao salario mínimo".

Comentarios