Persoal dos Centros de Información á Muller denuncia "sobrecarga de traballo e desgaste psicolóxico"

Entre outras cuestións, os profesionais destes centros exixen a cobertura de baixas e o reforzo de persoal con traballadores de apoio "canto antes" para a "atención de tarefas administrativas", así como "perfís especializados en igualdade".
Centro de Información á Muller de Ferrol (Foto: Concello de Ferrol).
photo_camera Centro de Información á Muller de Ferrol (Foto: Concello de Ferrol).

A Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller (Asocim) denunciou nun comunicado "a sobrecarga de traballo" á que teñen que facer fronte desde os Centros de Información á Muller (CIM), o que "está a repercutir na súa saúde", cun "desgaste físico e psicolóxico" destes traballadores, derivado dun "persoal insuficiente e unha excesiva burocratización".

En particular, a asociación alerta do "risco psicosocial" que representa o seu traballo, xa que, do mesmo modo que o persoal sanitario, a atención a usuarias faise "nun contexto de máxima complexidade" que "exixe un grande esforzo mental".

"Se a isto lle engadimos unha xornada laboral superior á estipulada e a dispoñibilidade para atender cuestións de carácter administrativo e de coordinación, obtemos un persoal e un servizo totalmente saturados e esgotados", apuntan.

Entre outras cuestións, os profesionais destes centros exixen a cobertura de baixas e o reforzo de persoal con traballadores de apoio "canto antes" para a "atención de tarefas administrativas", así como "perfís especializados en igualdade".

"Papel fundamental"

Os Centros de Información á Muller da Galiza, lembran, "teñen un papel fundamental na atención ás mulleres vulnerábeis", prioritariamente as vítimas de violencia de xénero.

"Só con CIM ben dotados de recursos humanos e materiais será posíbel facer un traballo efectivo á hora de eliminar a violencia contra as mulleres e de apoiar e orientar ás vítimas, articulando procesos efectivos de asesoramento xurídico, de atención psicolóxica, e de orientación profesional e sociolaboral", finalizan.

Comentarios