A loita das mulleres móstrase na Coruña

A exposición 'Sinaladas' divulga o papel das mulleres en movementos emancipadores.
Montse Fajardo, Xurxo Couto, María Xosé Bravo e Carlos Babío.
photo_camera Montse Fajardo, Xurxo Couto, María Xosé Bravo e Carlos Babío.

A exposición Sinaladas. A loita das mulleres no século XXI: cen anos de conquistas e represión xa se pode visitar no Cantón Grande da Coruña, á altura do Obelisco, até o vindeiro 27 de marzo. O deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, a presidenta da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo, o historiador Carlos Babío e a comisaria da mostra, Montse Fajardo, participaron onte na presentación dunha exposición que busca divulgar as mulleres e os movementos nos que participaron, desde as revoltas agrarias, pasando pola situación educativa durante a II República e pola represión durante o franquismo, até a participación na loita pola consecución da democracia. 

Ao longo das diferentes etapas históricas recolle figuras tan coñecidas como María Casares e outras menos célebres como as mestras asasinadas e represaliadas durante o franquismo, así como loitas colectivas como o motín do arsenal de Ferrol ou a das cigarreiras coruñesas. 

"Non é unha historia de derrotas, é unha historia de vidas heroicas", así definiu a mostra a presidenta da AC Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo. "Recolle historias de heroísmo de mulleres que sabían que estaban abrindo camiños, que sabían que estaban limpando congostras para que outras o tiveramos un pouquiño máis fácil". 

 

Pola súa parte, o historiador Carlos Babío puxo o foco na necesidade de "rachar a amnesia democrática", máis aínda no caso de historias con  protagonismo feminino "porque se algo podemos constatar é o descoñecemento que temos sobre o papel das mulleres tanto durante a represión franquista como noutros movementos que recolle a mostra", asegurou. 

A comisaria Montse Fajardo explicou que a mostra está deseñada para facer un percorrido desde o xenérico até o concreto. En total, recóllense 540 liñas biográficas, das cales en 194 casos foi posíbel recuperar imaxes grazas á colaboración das familias e de asociacións de todo o país. 

A información está compilada en 39 paneis deseñados para ser expostos en espazos públicos, e consta de 12 apartados temático-cronolóxicos: a loita de clases; a participación na vida política; a educación; a cultura; o golpe de Estado; a resistencia solidaria; o exilio; a guerrilla; o corpo feminino, campo de batalla; individuas de "dubidosa" moral; leccións de cultura democrática e traballo pola democracia.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios