Xustiza

Penas de prisión por homicidio imprudente para os responsábeis dunha obra na que morreu un obreiro

A Fiscalía sinalou no seu escrito de acusación que ningún dos tres responsábeis da obra tomaron medidas de seguridade nesa zona, a pesar do risco de caída desde altura, e a manobra de carga e descarga fíxose de forma "insegura".
Traballadores da construción. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Traballadores da construción. (Foto: Nós Diario)

Tres responsábeis dunha obra de Vigo aceptaron esta quinta feira penas de 1 ano e 9 meses de prisión ao recoñeceren ser os autores dun delito de homicidio por imprudencia grave, en relación cun delito contra os dereitos dos traballadores, polo falecemento dun operario durante a construción dun edificio.

Os feitos remóntanse a xaneiro de 2017, cando se produciu ese accidente laboral mortal. Un operario de 59 anos de idade precipitouse desde unha altura duns 8 metros cando cooperaba co condutor dun camión guindastre nunhas manobras de carga e descarga.

A Fiscalía sinalou no seu escrito de acusación que ningún dos tres responsábeis da obra —o xefe de obra, o encargado e o responsábel do plan de seguridade— tomaron medidas de seguridade nesa zona, a pesar do risco de caída desde altura, e tamén apuntou que a manobra de carga e descarga fíxose de forma "insegura".

Malia que inicialmente pedía para cada un dos tres acusados a pena de 2 anos e medio de cárcere, esta quinta feira alcanzouse un acordo de conformidade no xulgado do Penal número 2 de Vigo. Deste modo, o Ministerio Público modificou as súas conclusións para pedir a aplicación das atenuantes de reparacion do dano —as aseguradoras dos acusados xa indemnizaron a viúva e os fillos do falecido— e de dilacións indebidas.

Así, un dos procesados aceptou un ano de cárcere e os outros dous, 9 meses de prisión cada un. A execución da pena quedou suspendida por 2 anos, a condición de que os procesados non delincan nese tempo.

Comentarios