Cándido González, de homenaxeado pola patronal como emprendedor 'modelo' á extinción de Ganomagoga en só tres meses

En decembro a patronal do metal, Asime, outorgou a súa distinción de honra ao fundador de Ganomagoga e vogal durante unha década da súa directiva gabando a súa traxectoria no sector. O pasado 29 de marzo a compañía solicitaba o concurso de acredores e o ERE para os 200 traballadores por débedas que ascendían a 20 millóns de euros. "A verdade saberémola nos próximos meses", apuntan desde a Plataforma de traballadores do metal de Pontevedra.
Cándido González Lorenzo foi durante máis dunha década membro da directiva da patronal. (Foto: Asime)
photo_camera Cándido González Lorenzo foi durante máis dunha década membro da directiva da patronal. (Foto: Asime)

O pasado 29 de marzo o Xulgado do Mercantil número 2 de Pontevedra declaraba oficialmente en concurso de acredores as sociedades participadas polo Grupo Ganomagoga, con centros de traballo no Porriño, Mos, Vigo e Ponteareas. Uns días antes a compañía anunciara a presentación dun ERE para prescindir de 200 traballadores, alegando "causas económicas, produtivas e organizativas", ao acumular unha débeda total duns 20 millóns de euros.

As negociacións co cadro de persoal foron tensas e a representación sindical denunciaron que non se lles achegaran, no marco da negociación do ERE, diferentes documentos que requirira como as contas dos exercicios de 2021 e 2022, o plan de recolocación externa para os traballadores despedidos ou o convenio especial coa Seguridade Social para empregados maiores de 55 anos.

Só tres meses antes de estoupar definitivamente o conflito laboral en Ganomagoga por mor da falta de solvencia da compañía —concretamente o 14 de decembro de 2022—, a patronal do metal, Asime, rendeu un sentido homenaxe ao seu xerente e promotor, Cándido González Lorenzo, nun acto no que se eloxiou a súa "traxectoria empresarial, dedicación e esforzo para impulsar a industria do metal galega e contribuír ao crecemento de Asime", de cuxa directiva fixo parte durante máis dunha década.

A patronal outorgoulle a súa distinción de honra e celebrou o seu legado cun vídeo no que se presenta o seu percorrido profesional: "Iniciou a súa andaina no mundo industrial na empresa Censa. De vocación emprendedora, en 1974 fundou a súa propia empresa, Ganomagoga". Antes de pasar a engrosar as filas da patronal, na década de 1970, González fora traballador e líder sindical de Censa, empresa que foi condenada polo Tribunal Supremo en 1975 a indemnizalo, canda outros sindicalistas despedidos —que a empresa se negou a readmitir—, coa contía de 129.000 pesetas, que equivalería hoxe a 775,30 euros —11.423,27 euros, segundo o cálculo de renda actualizada que o INE realiza conforme á evolución do IPC—.

"Nos últimos anos —prosegue o vídeo—, o Grupo Ganomagoga consolidou o seu crecemento, con catro empresas integradas, e soubo facer dos retos actuais unha oportunidade converténdose a eólica e a biomasa nunha das principais liñas de negocio". E precisamente neste último punto incidía recentemente o cadro de persoal: "Non entendemos como se pode deixar caer unha empresa estratéxica como esta, dedicada ás enerxías renovábeis".

A ollos da patronal, Cándido González Lorenzo é unha "persoa incansábel e emprendedora" que "aos seus 77 anos segue indo a traballar a diario co mesmo ímpeto e espírito co que fundou a primeira empresa". O pasado día 29, só 3 meses e 15 días despois, pasaba de ser o empresario emprendedor que "soubo facer dos retos actuais unha oportunidade" e que "impulsou a industria do metal galego" ao que solicitaba o concurso de acredores por débedas millonarias.

"A verdade saberémola (ou non) nos próximos meses. Todo cheira a xogada para desfacerse dun cadro de persoal con moito fixo ó que non poden botar cando baixa a producción sen pagar 'altas' indemnizacións. Todo o noso apoio ás obreiras e obreiros de Ganomagoga", sinalan desde a Plataforma de traballadores do metal de Pontevedra.

Comentarios