O persoal de Ganomagoga volve mobilizarse ao non ver "xustificadas" as razóns para o ERE

A CIG presenta un "contrainforme" para rexeitar o ERE que permitiría ao grupo prescindir dos 200 traballadores.
Protesta do persoal de Ganomagoga diante da sede da Xunta en Vigo, a comezos de abril (Foto: Nós Diario).
photo_camera Protesta do persoal de Ganomagoga diante da sede da Xunta en Vigo, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)

Unha representación de traballadores do Grupo Ganomagoga volveu concentrarse esta terza feira fronte ás instalacións da Xunta da Galiza en Vigo para reiterar que non ven "xustificadas" as causas económicas, técnicas, organizativas e de produción que a empresa alega para presentar o expediente de regulación de emprego (ERE) que lle permitirá prescindir dos 200 empregados que ten en nómina.

O persoal manifestouse diante da sede do Goberno galego na cidade olívica coincidindo coa entrega no seu Rexistro dun "contrainforme" elaborado pola CIG para rexeitar o ERE extintivo, que non ve, igual que os traballadores, ben argumentado para deixar caer unha compañía que o vindeiro ano faría medio século de vida.

A concentración tivo lugar entre as 12 e as 13.15 horas e despregouse unha pancarta que rezaba: 'Grupo Ganomagoga solución. Non ao peche', asinada tanto pola propia CIG como por Comisións Obreiras. Desde o comité de empresa avanzaron que posibelmente a próxima segunda feira tome o control do grupo o administrador concursal, que manterá unha primeira reunión cos representantes sindicais das distintas empresas do consorcio.

Todo iso despois de que o grupo, con centros de traballo operativos no Porriño, Ponteareas, Vigo e Mos, notificase a presentación do ERE extintivo debido ás perdas millonarias que atesouraban as súas contas e que facían "inviábel" continuar a súa actividade.

Resulta significativo, tal e como informaba esta segunda feira Nós Diario, que só tres meses e medio antes de formalizar a solicitude voluntaria de entrar en concurso de acredores o xerente e fundador da sociedade, Cándido González Lorenzo, fose homenaxeado pola patronal do sector, Asime, de cuxa directiva formou parte durante unha década.

O empresario recibiu a distinción de honra da patronal nos actos de conmemoración do seu 45º aniversario. González foi eloxiado pola súa "traxectoria empresarial, dedicación e esforzo para impulsar a industria do metal galega e contribuír ao crecemento de Asime".

"A verdade saberémola (ou non) nos próximos meses. Todo cheira a xogada para desfacerse dun cadro de persoal con moito fixo ó que non poden botar cando baixa a producción sen pagar 'altas' indemnizacións. Todo o noso apoio ás obreiras e obreiros de Ganomagoga", sinalaron desde a Plataforma de traballadores do metal de Pontevedra.

Comentarios