Traballadores do metal de Lugo ameazan coa folga se non se aplica a suba do IPC

O persoal non está disposto a perder poder adquisitivo na negociación do convenio, advirten desde os sindicatos.
Manifestación convocada por CIG, CCOO e UXT, este domingo, en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Manifestación convocada por CIG, CCOO e UXT, este domingo, en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Centenares de traballadores do sector do metal de Lugo, un milleiro segundo os organizadores, percorreron este domingo as rúas da cidade amurallada para pedir que se aplique nas súas nóminas o incremento do IPC real xa que, en caso contrario, levarán a cabo unha folga o próximo 10 de maio.

Convocada por Comisións Obreiras, UXT e a CIG, a manifestación partiu ás 12 horas da casa sindical situada na Ronda da Muralla. A partir de aí, percorreron diferentes rúas da capital comarcal até chegar á praza de Santo Domingo.

"A xente respondeu ben porque leva cos salarios conxelados desde 2021, a pesar de que o IPC está desbocado"

Fontes sindicais consultadas pola axencia Europa Press mostraron a súa satisfacción ante a "boa acollida" que tivo a convocatoria, que superou "todas as expectativas". "A xente respondeu ben porque leva cos salarios conxelados desde 2021, a pesar de que o IPC está desbocado", censuraron.

Entre as súas solicitudes, piden á patronal que aplique nas súas nóminas unha suba correspondente ao IPC real e que se paguen os atrasos pendentes a respecto diso. Tal e como explicaron, na actualidade está a negociarse o convenio colectivo até 2025, pero aínda non se abonou o aumento correspondente a 2022.

Por todo iso, anunciaron a convocatoria dunha folga o 10 de maio "se non hai solución". Mais, a pesar diso, os sindicatos esperan reunirse coa patronal nos próximos días —xa solicitaron un encontro— para alcanzar un acordo e evitar o paro no sector.

"Esgotaremos todas as posibilidades e reunións antes de ir á folga", indicaron as mesmas fontes, engadindo que os traballadores non están dispostos a perder poder adquisitivo.

Comentarios