O desemprego sobe por segundo mes consecutivo e até 70% das persoas paradas pertencen ao sector servizos

O paro rexistrado medrou ao remate de setembro até as 130.643 persoas no conxunto da Galiza.
Un mozo diríxese á Oficina de Emprego da Xunta da Galiza en Compostela. (Foto: Riobó Prada)
photo_camera Un mozo diríxese á Oficina de Emprego da Xunta da Galiza en Compostela. (Foto: Riobó Prada)

O paro rexistrado nas oficinas de emprego da Galiza medra por segundo mes consecutivo. Após descender continuamente entre febreiro —cando había 145.048 persoas rexistradas como paradas— e xullo —127.445—, o mes de agosto rachou con esta tendencia ao fechar cun leve incremento de 280 desempregados e desempregadas. E agora setembro remata con outra repunta até rexistrar un total de 130.643 persoas paradas, engadindo outras 2.918 en comparanza co dato global de agosto (+2,28%).

A de Galiza é a cuarta maior suba en termos relativos de todo o Estado español, só por detrás de Melilla, con 6,15% máis de parados; Estremadura (+3,44%) e Andalucía (2,29%). A nivel estatal o paro rexistrado medrou 0,73%, con 19.768 persoas máis, até alcanzar as 2.722.468. Con respecto a agosto, en setembro baixou o desemprego na Rioxa (-4,88%), Euskadi (-1,78%), Canarias (-1,64%), Aragón (-1,45%), Ceuta (-1,21%), Catalunya (-1,02%) e País Valencià (-0,49%).

Por sectores, máis unha vez, o dos servizos lidera nesta época do ano a perda de emprego, con 1.993 parados e paradas máis ao remate de setembro, é dicir, case sete de cada dez. As persoas sen un traballo anterior son as seguintes que máis pasan a engrosar as listaxes do paro, 430, seguidas das e dos profesionais que procedían da industria, 303; as do sector primario, 108, e as da construción, 84.

Das 130.643 persoas desempregadas no conxunto do país, até 92.661, o 70% do total, pertencen ao sector servizos, seguidas da industria, con 13.176; as que non tiñan un emprego anterior, 11.852; as da construción, 8.828, e as do sector primario, 4.126.

Na comparativa interanual, porén, o paro caeu na Galiza en setembro pasado en 13.466 persoas (-9,34%) tomando como referencia o mesmo mes de 2022, mentres no conxunto do Estado a caída foi de -7,46%, con 219.451 desempregados menos e con Balears (-18,18%) á cabeza en creación de postos de traballo nesta comparativa.

A provincia da Coruña lidera o desemprego na Galiza con 52.429 persoas paradas (902 máis en setembro que en agosto), seguida de Pontevedra, con 50.467 (+1.397); Ourense, con 15.231 (+293), e Lugo, con 12.516 (+326). Aliás, do total de persoas paradas na Galiza, a meirande parte son mulleres: 77.300 fronte a 53.343 homes. E, tamén sobre o conxunto, 5.443 son menores de 25 anos.

Contratación

O pasado mes rexistráronse na Galiza 70.228 contratos, o que representa 5.721 máis que en agosto, pero 10.777 menos que en setembro de 2022. Deste total, só 22.050, a terceira parte, foron indefinidos, mentres os 48.178 restantes tiñan carácter de temporalidade. No que vai de ano a contratación en territorio galego foi maioritariamente temporal, con 371.754 contratos sobre os máis de medio millón totais, por volta de 182.157 indefinidos. É dicir, que até 67% dos contratos son temporais.

Comentarios