O paro rexistrado en Galiza sobe en 3.424 persoas en só un mes

O aumento é sensibelmente superior ao rexistrado de media no Estado en outubro: 2,36% fronte a 1,63%.

 

paro desemprego traballo

Outubro despediuse deixando 3.424 persoas desempregadas máis en Galiza, unha media de 110 cada día. Un dado que contrasta co interanual (últimos doce meses)  e nos que o paro rexistrado no noso país baixou en máis de 16.000 persoas.

Novembro comezou con 169.744 persoas rexistradas no desemprego no noso país. Esa suba de 3.424 é porcentualmente un aumento de 2,36%, cifra superior á que de media se rexistrou no conxunto do Estado español nese mesmo mes e que foi de 1,6%.

Tan só a construción tivo un bo comportamento no mes anterior en termos de emprego. Neste sector descendeu o número de persoas rexistradas no paro en 137. En todas as outras actividades aumentou o desemprego: 814 no sector primario, 207 en Industria e 2.573 en servizos.

O número de contratos asinados en outubro foi de 103.484, dos que case 93.500 foron temporais.

No que atinxe a afiliación á Seguridade Social, hai en Galiza 1.013.198 persoas, unha queda mensual de 690 persoas (-0,07%). No interanual as filiacións aumentaron en máis de 25.000 persoas. Nestes doce meses esa suba en afiliados e afiliadas foi de 2,34%, de novo por baixo da media española, cuxa suba foi de 3%.

Para a CIG estes dados son consecuencia das reformas laborais, "que arrasaron cos dereitos da clase  traballadora".

Comentarios