O paro baixa en 2.180 persoas en novembro na Galiza

O descenso correspóndese nomeadamente co sector servizos (-1.621).

O cambio legal nas prestacións de desempregou entrou en vigor este ano (Foto: Riobó Prada)
photo_camera (Foto: Riobó Prada)

O paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en 2.180 persoas en novembro na Galiza en relación ao mes anterior (-1,63%) até os 131.168 desempregados, segundo datos que publica o Ministerio de Traballo e Economía Social.

Este número total de desempregados é a cifra máis baixa nun mes de novembro desde que hai rexistros. Desde o inicio da serie histórica comparábel, en 1996, o paro subiu en novembro a maioría de veces na Galiza (24 veces) mentres que só baixou en tres ocasiones. No último ano o desemprego acumula un descenso de 11.590 parados, o que supón 8,12% menos.

Por provincias, en Pontevedra, que rexistra 50.639 parados, caeu en 1.003 persoas en novembro (-1,94%) e son 4.827 menos que un ano atrás (-8,7%). Na Coruña, son 816 menos que en outubro (-1,53%) e 4.696 menos que en novembro de 2022 (-8,22%), un total de 52.433. Mentres, Lugo contabiliza 12.571 desempregados, que son 280 menos (-2,18%) e 1.146 menos en variación anual (-8,35%) e Ourense 15.525, o que representa unha caída en 81 persoas respecto de outubro (-0,52%) e 921 menos que 12 meses antes (-5,6%).

En canto a sexos, dos 131.168 desempregados rexistrados en novembro, 76.471 foron mulleres, 1.828 menos (-2,33%) e 54.697, homes, o que supón un descenso de 352 no número de desempregados respecto ao mes anterior (-0,64%).

En novembro, o paro entre as persoas menores de 25 anos baixou, con 357 parados menos que a peche do pasado mes (-6,15%), mentres que o paro das persoas con 25 anos e máis se incrementou en 1.823 desempregados (+1,43%).

Por sectores de actividade, o descenso correspóndese fundamentalmente co sector servizos (-1.621), seguido da baixada da industria (-303) e o colectivo sen emprego anterior (-386). Aumentou en 75 persoas o paro na agricultura e en 55 na construción.

Do número de contratos rexistrados en novembro, 57.224 contratos, un total de 39.053 foron contratos temporais e o resto, 18.171, indefinidos. No acumulado, con 675.662 contratos, a repartición é de 222.128 indefinidos, o 32,88%, e 453.534 temporais, isto é, o 67,12% restante.

O ministerio informou ademais de que o gasto en prestacións por desemprego alcanzou en outubro (último dato dispoñíbel) na Galiza a cifra de 83,49 millóns de euros. A contía media bruta da prestación contributiva por desemprego aumentou en outubro até os 933,6 euros mensuais.

Comentarios