Un país de camareiros

A hostalaría e comercio xa ten moito máis peso no PIB, 22%, que a industria (16,8%). A profesión máis demandada en Galiza nos últimos anos foi a de camareiro, seguida da de mozo de almacén. 

A gran recesión tivo moitas consecuencias, entre elas unha mutación no modelo produtivo galego, con actividades de baixa cualificación e en condicións precarias gañando terreo. A industria representa o 16,8% do PIB galego, o que é cinco puntos menos que o que representa a hostelaría e o comercio, que suman o 22%. “Unha economía sen sector industrial non funciona e non xera emprego”, sentenciara xa hai un tempo o coordenador do Foro Económico Galego, Fernando González Laxe.

Un repaso ás ocupacións máis demandadas estes anos en Galiza amosa como a de camareiro ocupa a primeira posición. A man de obra máis solicitada no período 2011-2014, o de maior contundencia da crise, foi precisamente esa, de camareiro, cun aumento do 34%. Supuxo neste último ano o maior número de contratos asinados, un 13% do total (40.647 contratos), seguido de vendedores de tenda e almacén (24.961 contratos) e de peóns. A seguir: persoal de limpeza, traballo doméstico, axudantes de cociña, comerciais, teleoperadores…

Entre os traballos que en 2015 dispararon a súa colocación figuran limpadores de vehículos (un 211% de incremento anual en contratos na provincia de Lugo) ou operadores de telemarketing (234% de aumento na provincia de Ourense). Só 3 de entre as 100 profesións con máis demanda laboral na Galiza requiren título universitario. Entre 2003 e 2015 perto de 50.000 mozos galegos con titulación universitaria tiveron que coller as maletas para traballar noutros territorios do Estado, nomeadamente Madrid e Catalunya .

Outra consecuencia deste cambio de modelo é a salarial. A Enquisa de custo laboral sitúa o salario medio na Galiza dun traballador do sector industrial -no que se destruíu emprego- en 2.300 euros mensuais e o soldo medio dun empregado do sector servizos -no que se está a xerar traballo- en 1.500. Unha fenda do 35%. E en 2015 o salario medio da industria subiu, mentres que o dos servizos baixou.

Comentarios