Orozco rexeita negociar os servizos mínimos co persoal de Urbaser

O alcalde de Lugo non quixo acordar co comité de folga un novo decreto após o xulgado de lugo suspender o asinado polo rexedor ao considerar contrario ao dereito de folga. 

José López Orozco declinou na xornada de onte negociar co cadro de persoal de Urbaser un decreto de servizos mínimos consesuado. E fíxoo na xuntanza desenvolvida no concello de Lugo o 4 de agosto após solicitaren @s representantes das traballadoras e traballadores en folga reunírense co alcalde para procurar un novo decreto. 

A folga do lixo en Lugo cumpre o vindeiro día 10 de agosto dous meses 

O comité de folga actuou desta maneira após o xulgado de Lugo declarar a suspensión dos servizos mínimos decratdos por Orozco o pasado 23 de xullo. Segundo a xustiza estes supuñan unha vulneración do dereito a folga ao exixir @s operari@s cubrir o 100% das súas funcións no decorrer dunha greve indefinida que cumprirá o vindeiro día 10 de agosto 2 meses. 

Orozco di que de chegaren a un acordo coa empresa, modificará o decreto

Desde a alcaldía emprazaron @s traballadores e traballadoras a procurar unha solución con Urbaser ao afirmar que o decreto publicado inicialmente, no que tamén se fixaban uns servizos mínimos do 100% e por cuxo incumprimento foron despedid@s 12 operari@s, aínda estaba en vigor. "Dixolles que estaba en vigor o primeiro decreto e que só no caso de que chegaran a un acordo entre persoal e empresa modificaría o decreto", aseguraron fontes próximas á xuntanza a Sermos Galiza.

O persoal lembra que a súa postura continúa a ser "unánime" mais amósase disposto a reiniciar as negociacións con Urbaser 

Desde o comité aseguraron nun comunicado de imprensa que a decisión xudicial reflicte "as prácticas antisindicais que o goberno local vén desenvolvendo desde o inicio do conflito" ao tempo que afirmaban a súa vontade por procurar unha nova fórmula que permitise ao persoal "desenvolver a folga" co "menor prexuízo posíbel para a sociedade" mais "respectando os dereitos de todas e todos". 

Porén, a postura do alcalde lugués, que se mantén á marxe da resolución do conflito desde o comezo da greve, impediu chegar a ningún acordo. Desde o comité de folga reiteraron a súa disposición para acadar un acordo tamén coa empresa e amosáronse favorábeis a sentar de novo na mesa de negociación, se ben, lembrar que a postura da asemblea de traballador@s continúa a ser "unánime" malia as informacións difundidas nos últimos días pola imprensa local. 

Comentarios