Sanidade pública

Xa hai lugar, data e hora para as oposicións de Enfermaría do Sergas: isto é o que precisas saber

Habilitaranse varias liñas de autobús para que as 10.101 persoas aspirantes ás 1.556 prazas ofertadas poidan desprazarse até o recinto feiral de Silleda.
Oposicións do Sergas nunha convocatoria de 2020. (Foto: Xunta)
photo_camera Oposicións do Sergas nunha convocatoria de 2020. (Foto: Xunta)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publica esta segunda feira unha resolución que fixa as oposicións á categoría de Enfermaría do Sergas para o vindeiro domingo 25 de xuño, ás 10 horas da mañá, no recinto feiral de Silleda (comarca do Deza). Para este proceso selectivo, ao que concorrerán un total de 10.101 aspirantes para tentar facerse con algunha das 1.556 prazas en xogo, Monbus habilitará un total de nove servizos especiais de autocares que sairán desde distintos puntos do país.

Estas liñas, para as que xa se poden adquirir os billetes online de forma anticipada, partirán desde as localidades de Lugo, Monforte, Verín, Vigo, Ribeira, Muros, Muxía, A Coruña e Ferrol. Os buses pasarán por varios municipios, entre eles Santiago e Pontevedra, antes de chegar a Silleda contra as 9h, unha hora antes do arranque das probas.

Trátase dun concurso-oposición con 1.556 prazas, das cales a meirande parte (1.135) son de acceso libre. Haberá outras 332 vacantes por promoción interna e 89 reservadas para persoas con discapacidade. As persoas admitidas xa recibiron un SMS e un correo electrónico para informarlles sobre data, hora e lugar das probas.

As e os aspirantes deberán acudir provistos do seu DNI ou outro documento que permita confirmar a súa identidade. A acreditación ao recinto será a través de código QR que cada un terá á súa disposición na oficina virtual FIDES/expedient-e e que deben presentar obrigatoriamente de forma impresa. Segundo a resolución do DOG, os participantes no proceso deberán asistir co "material mínimo indispensábel" que irá "nun só bolso ou mochila, de tamaño pequeno" que deben colocar no chan durante o exame, no que só poden ter consigo o DNI e un bolígrafo de cor negra ou azul.

Tampouco estará permitido o acceso con alimentos, agás por causa médica xustificada. Para esta xornada na que acudirán tantas persoas, a Xunta habilitará os pavillóns 1, 2 e 8 do recinto de Silleda, cun total de 42 portas de acceso. O dispositivo de organización estará composto por 230 colaboradores do Sergas, así como Garda Civil, Policía Nacional e Autonómica, Protección Civil, 061 e persoal da Fundación Semana Verde da Galiza, é dicir, das propias instalacións.

Para aqueles e aquelas aspirantes ás que se lle recoñeceu algunha adaptación do seu posto por motivos de saúde, limitacións físicas ou psíquicas, a entrada ao recinto efectuarase pola porta 0. O Sergas, por mor da lexislación en materia de igualdade, permite ás mulleres embarazadas, que estean ingresadas por este motivo ou que tivesen o parto recentemente —unha semana—, realizar os exames nun centro hospitalario concreto para evitarlles o desprazamento, sempre e cando avisen con 72 horas de antelación. En caso daquelas que estean de parto o propio domingo 25, poderán facer as probas dentro dos 15 días posteriores.

Para esta fin de semana de oposicións, ás que se espera que concorra boa parte do persoal temporal de Enfermaría, o Sergas xa anunciou un aumento de retribucións para os enfermeiros e enfermeiras que, para cubrir estas ausencias, amplíen xornada ou cambien de quenda.

Erro nos exames do día 24

En paralelo, o Sergas publicou esta segunda feira no DOG unha corrección de erros pola cal se adiantan unha hora, ás 9 horas da mañá, os exames previstos para o concurso-oposición para ingresar en diversas categorías —inspector médico, licenciado en ciencas químicas, farmacéutico inspector de saúde pública e ATS/DUE— e ás que concorrerán outras 704 persoas o sábado 24 de xuño. Tal e como explican en declaracións á axencia Europa Press fontes da Administración, trátase dun "erro" na convocatoria e as probas que ían comezar ás 10 horas da mañá, segundo recollía o DOG a pasada sexta feira, serán finalmente desde as 9 horas, tamén no recinto feiral de Silleda.

Ese mesmo día pola tarde, ás 16 horas, serán os exames para licenciados en farmacia, medicina e cirurxía, ciencias biolóxicas, psicoloxía, e subinspector sanitario, con 485 aspirantes en total. Finalmente, o domingo 25 de xuño ás 10,00, en paralelo aos de Enfermaría, serán os de inspector farmacéutico, con 149 participantes.

Comentarios