“Medio Rural estanos a incendiar”: Brigadistas urxen melloras laborais

Case 1.000 dos máis de 2.500 bombeiros forestais só traballan seis meses, polo que "non chegan nin ao limiar de pobreza". 
bombertos 1
photo_camera Manifestación esta segunda feira ante a sede da Xunta (Foto: Arxina)

Decenas de bombeiros forestais concentráronse esta segunda feira ante o edificio da Xunta da Galiza en San Caetano, Compostela, para reclamar que se aumente o tempo de traballo dos brigadistas fixos descontinuos que só traballan seis meses ao ano, así como melloras laborais de forma xeral no servizo.

En declaracións aos medios, a responsábel de CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, explicou que hai máis de 2.500 bombeiros forestais, dos cales perto do 40% -máis de 900 só traballan seis meses, polo que "non chegan nin ao limiar de pobreza". "Non podemos permitir que empregados públicos na Xunta sexan pobres", denuncia.

Durante a mobilización, que se realizou baixo a choiva e cun amplo dispositivo policial ante a Xunta, realizáronse cánticos como 'Bombeiros forestais, dereitos laborais' ou 'Medio Rural estanos a incendiar'.

'Bombeiros forestais, dereitos laborais xa!' e 'Conselleiro, Dirección Xeral e función pública, cómplices da nosa precariedade' eran algunhas das pancartas que se podían ler na protesta.

Sen dereitos

Aliás, Burgos explica que "o plan da Xunta é funcionarizar todo o persoal menos ao de seis meses", "que quedaría como persoal laboral".

Sobre ese 60% de bombeiros forestais que se vai a funcionarizar nun prazo dun ano, a sindicalista apunta que xa se realizou unha primeira fase cos primeiros 500, mais avisa de que as súas condicións están "a empeorar en moitos aspectos", pois "non teñen convenio" e "non teñen dereitos laborais". Avisa de problemáticas como un alongamento de xornada de 8 a 12 horas ou "impor días de vacacións en libranzas".

Por todo iso, a CIG incide en demandar unha ampliación do tempo traballado polo persoal fixo descontinuo e unha "profesionalización de todo o servizo".

Comentarios