"Non podemos máis": persoal temporal das residencias de maiores da Galiza reclama cambios nas súas condicións de traballo

Solicitan unha reunión co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para exporlle as súas demandas.

Persoal temporal das residencias públicas exixen unha contratación digna. (Foto: Europa Press).
photo_camera Persoal temporal das residencias públicas exixen unha contratación digna. (Foto: Europa Press).

Persoal temporal dos centros públicos de residencias de maiores e persoas dependentes concentráronse hoxe fronte á sede da Xunta en San Caetano para demandar á Administración autonómica cambios nas súas condicións de traballo. Entre outros, piden que non os obriguen a coller contratos "de media xornada, de fin de semana ou de dúas horas" obrigatoriamente.

Os traballadores e traballadoras denuncian que se non aceptan ese tipo de contratos "penalízanos durante moito tempo". Ademais, censuran que eses contratos van ligados a salarios duns 400 ou 500 euros cos que "é imposíbel ter unha vida digna".

Non se pode vivir no século XXI con condicións de traballo feudais

Por iso, demandan listas independentes para poder optar entre unha xornada continua ou unha media xornada sen que os penalicen. "Hai xente que por conciliación familiar ou por estudos necesitan este tipo de contratos, pero pedimos poder elixir, do mesmo xeito que se fai no Sergas, e que non nos penalicen. É moi duro que te metan seis meses na neveira", declarou Manuel Bóveda, un dos traballadores deste colectivo.

Listas baleiras

Ante esta situación, Bóveda sinalou que moitos compañeiros optan por irse ás listas do Sergas, xa que son técnicos en coidados e auxiliares de enfermaría e, deste xeito, engadiu, as listas de contratación para as residencias e centros de dependentes "quedan baleiras".

En total, segundo Bóveda, están nesta lista de temporais "entre 500 e 600 persoas", aínda que especificou que esa cifra "non é real" porque "moitos están apuntados, pero optan polo Sergas e outros xa non están nas listas de contratación".

Sobre isto, denunciou que a Xunta ameaza con contratar a xente sen especialidade para suplir estes empregos e "abaratar o posto de traballo con xente non cualificada".

Ademais, asegurou que a carga de traballo é "moi alta" e o persoal atópase "moi canso" após a pandemia. "Nós damos o mil x mil e eles castígannos con contratos deste tipo", lamentou.

Reunión con Rueda

Nesta mesma liña, Manuel Bóveda solicitou unha reunión con membros do partido de Goberno, así como co propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para exporlle as súas demandas.

O persoal temporal  estuda facer unha folga nas residencias públicas en setembro

Así mesmo, indicou que xa se reuniron coa secretaria xeral técnica de Política Social que, segundo detallou, trasladoulles que "non pretenden crear traballadores pobres", aínda que, en todo caso, a xestión dos seus contratos é responsabilidade da Consellaría de Facenda e Administración Pública.

Ademais, explicou que o colectivo enviou unha carta á Valedora do Pobo, que xa instou á Xunta a modificar as cuestións que demandan, pero, continuou, "fixeron caso omiso". "Non podemos máis", reiterou.

Folga

Por outra banda, avanzou que en setembro estudarán facer unha folga nas residencias, pero polo momento esperarán a que baixe a incidencia da Covid porque asegura que "está a ser bestial".

"Cando isto se calme imos propor aos compañeiros unha folga nos centros públicos e residencias porque cremos que hai que cambiar as cousas. Non se pode vivir no século XXI con condicións de traballo feudais ou de antes da Revolución Industrial", proclamou.

Comentarios