Morre un operario de 41 anos en Narón ao quedar sepulto polas serraduras dun camión

O accidente sucedeu no polígono industrial de Río do Pozo.
Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza (Foto: Xunta).
photo_camera Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)

Un operario de 41 anos faleceu contra as 9.30 horas desta sexta feira após ficar sepulto polas serraduras dun camión.

O incidente tivo lugar no recinto dunha nave industrial situada no número 12 da rúa Jesús Fernández Pita, no polígono industrial de Río do Pozo, en Narón.

Ao lugar do incidente acudiron os efectivos de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, que trataron de reanimar o home, que finalmente faleceu.

Tamén acudiron ao lugar os profesionais do Servizo de Protección, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón, así como axentes da Policía Local de Ferrol e da Policía Nacional.

Sinistralidade laboral disparada na Galiza

O Ministerio de Traballo informou recentemente de que nos dous primeiros meses do presente ano perderon a vida en accidente de traballo 31 persoas na Galiza, unha cifra que a día de hoxe ascende xa a 33.

Son 25 máis que no mesmo período do ano anterior e a cifra achégase ao total de 2021, 48 mortes en accidentes de traballo.

Con estes datos, a Galiza rematou o pasado exercicio á cabeza en sinistralidade laboral.

Comentarios