A gravidade dos accidentes laborais crece na Galiza após as crises económicas

En 2022, xa sen restricións pola Covid, rexistráronse 29 mortes no posto de traballo nos dous primeiros meses do ano.
Un traballador nas obras do novo centro integral de saúde de Lalín o pasado mes de febreiro (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Un traballador nas obras do novo centro integral de saúde de Lalín o pasado mes de febreiro (Foto: Xunta da Galiza).

Na crise da Covid, unha das chaves para conter a transmisión do virus na sociedade foron as medidas de seguridade e saúde laboral que se activaron nos centros de traballo. Hoxe, 28 de abril, conmemórase o Día mundial da seguridade e a saúde no traballo, e as cifras na Galiza son preocupantes: a sinistralidade no ámbito laboral incrementou 18% en 2021 respecto do ano anterior e 26% nos dous primeiros meses de 2022 en comparación co mesmo período de 2021.

Ademais, o país segue á cabeza do Estado en casos graves e mortais, con 48 falecementos en 2021 e 29 até febreiro do presente ano. O máis preocupante é que ese dato, o dos accidentes graves e mortais, adoita a dispararse en proporción ao número total de accidentes con baixa nos períodos de recuperación posteriores a unha crise, como demostra a progresión dos dous últimos anos, que semella á rexistrada entre os anos 2012 e 2015, onde os sinistros no lugar de traballo con resultado de morte pasaron dos 45 aos 61 (+35%), mentres que o número de accidentes con baixa no mesmo período medrou 5,8%. 

Inseguridade cronificada

Este é un dos motivos que leva os sindicatos a exixir das Administracións compromisos e medidas para atallar esta problemática a través da mellora das condicións de traballo e a redución da temporalidade, factores que, segundo subliñan, repercuten nesta problemática.

A CIG atribúe a "cronificación" da inseguridade laboral á "inoperancia e falta de vontade política" do Goberno galego para artellar esas medidas, xa que, segundo advirte, un traballador ou traballadora galega ten "case o dobre" de probabilidades de sufrir un accidente laboral grave ou mortal que as do resto do Estado, unha realidade "inaceptábel", engaden.

Desde CCOO sinalan que, nun momento no que a actividade parece relanzarse ao calor dos plans de recuperación, é esencial acompañar o proceso "dun pulo decidido" ás políticas públicas en materia de prevención de riscos laborais e ao aumento da actividade inspectora.

Na mesma liña, UXT pon o foco na necesidade de "repensar" o modelo de xestión preventiva nas empresas e "fortalecer" os organismos encargados de velar pola seguridade e a saúde nos centros de traballo.

Propostas de mellora

Neste senso, UXT suxire "cambios lexislativos para interiorizar a prevención no seo das empresas, á vez que pide reverter a norma que permite ao empresariado asumir as tarefas en materia de prevención nos centros de menos de 25 persoas traballadoras.

Pola súa parte, CCOO tamén propón ampliar os recursos humanos e materiais da Inspección de Traballo e dos organismos técnicos e unha Fiscalía que acometa con máis intensidade a súa acción nos delitos de risco e de dano á saúde das persoas traballadoras, mentres que a CIG reclama marcos galegos de relacións laborais e de políticas públicas de seguridade e saúde laboral, mellorar a coordinación entre os servizos sanitarios e os dispositivos públicos de prevención e derrogar a lei que outorga á mutuas capacidade de xestión da incapacidade temporal.

Comentarios