Bombeiros forestais denuncian que a Xunta “discrimina” a súa experiencia

Un colectivo de bombeiros forestais pon de manifesto que o Goberno galego “discrimina” a súa experiencia “manobrando” para que a puntuación lograda a través da experiencia na Administración local “careza totalmente de importancia nos vindeiros procesos selectivos, cuxos baremos que os rexerán se están a negociar nestes momentos”.

Brigadas antiincendios prepáranse para combater o lume en Prado de Limia, Muíños (@Briflaza)
photo_camera Brigadas antiincendios prepáranse para combater o lume en Prado de Limia, Muíños (@Briflaza)

A través dun comunicado de prensa, os bombeiros afirman que “a Xunta maltrata unha vez máis este colectivo”, desta vez “infravalorando a puntuación que historicamente obtemos en igualdade cos demais traballadores de incendios para as listas de contratación temporal ou para os procesos selectivos celebrados até agora”.

Explican que nos vindeiros procesos selectivos extraordinarios de estabilización do traballo temporal, “a puntuación obtida pola experiencia nos concellos e mancomunidades de municipios da Galiza vai puntuar tres veces menos que até agora”, algo que, asumen, “enterra as posibilidades de estabilizar neste proceso as persoas que posúan experiencia na Administración local”.

A maioría dos casos dos actuais traballadores e traballadoras de incendios da Xunta, aseguran, “posúen moita puntuación das brigadas municipais pero agora vaise ver moi mermada por esta decisión tan arbitraria e inxusta”.

Poñen como exemplo as prazas fixo-descontinuas de seis meses do Servizo de Prevención dos Incendios Forestais (SPIF) creadas no ano 2019, nas cales “a xente que entrou fíxoo maioritariamente mediante a experiencia lograda nas brigadas municipais, que foi baremada de forma xusta”.

Este precedente, din, “condiciona enormemente a baremación destes méritos neste e en futuros procesos selectivos para os que até agora se puntuaba en igualdade” algo que, apuntan, “pode chegar a afectar á calidade do servizo, xa que se está a tentar prescindir dun persoal cunha longa experiencia, moito do cal xa forma parte do SPIF”.

Poñen como exemplo a puntuación que o borrador contempla para a experiencia en Seaga, “unha sociedade mercantil pública que xamais puntuou para os procesos selectivos da administración xeral autonómica”, e que “nas listas de contratación temporal puntúan actualmente igual que a experiencia das brigadas municipais, pero agora por arte de maxia, neste proceso a súa experiencia pasa a puntuar tres veces máis”.

O colectivo de bombeiros demanda que se teña en conta, como se viña facendo até agora, “a lóxica de puntuar igual por facer o mesmo traballo, baixo os mesmos mandos, mesmos cadrantes e nunha administración pública, os concellos, á que se accedeu baixo criterios obxectivos de mérito e capacidade”.

Comentarios