Marchan a pé contra os 56 despedimentos previstos en Celsa Atlantic

O  Comité de Empresa rexeita o ERE extintivo presentado pola empresa e defende a viabilidade da factoría.

celsa(1)

A pasada terza o plantel da empresa metalúrxica Celsa Atlantic, a antiga Siderúrxica Añón, realizaron unha camiñada reivindicativa para se opor ao ERE extintivo que suporá o despedimento de 56 compañeiros e compañeiras da factoría radicada no concello da Laracha. A medida promovida desde a dirección da empresa suporía a destrución do 44% dos postos de traballo que até agora viñan funcionando e unha redución significativa da capacidade de produción da planta coruñesa,  ao prescindir de varias das liñas de produción actualmente operativas. As negociacións entre a empresa e a representación sindical continuaron esta cuarta en Madrid, dado que o axuste afecta tamén ás plantas de Gastéiz e Áraba.

O ERE suporá a destrución do 44% dos postos de traballo na factoría da Laracha 

Catro quilómetros. Esa foi a distancia percorrida por varias decenas de traballadoras e traballadores de Celsa Atlantic que partiron das instalacións da factoría para rematar a súa andaina diante da Casa do Concello da Laracha. Con esta acción o Comité de Empresa pretendeu "chamar á solidariedade da veciñanza e das corporacións municipais da contorna,  posto que estas medidas repercutirán tamén negativamente naquelas industrias que dependen da actividade de Celsa". Neste senso, o Presidente do Comité, Antonio Rodríguez, alertaba días atrás de que de prosperar o despedimento colectivo o descenso da produción terá un impacto negativo no "tecido empresarial da bisbarra e un gran impacto na carga de traballo que supón a actividade da factoría no porto da Coruña".

As centrais sindicais sinalan a responsabilidade na dirección da empresa a quen atribúen unha "lamentábel xestión", derivada na súa opinión de participar en "operacións financeiras millonarias". Con todo, afirman a factoría continúa a ser "rendíbel, produtiva e competitiva" tal e como demostrarían as 20.000 toneladas fabricadas por riba do previsto nos primeiros meses deste ano.

Toda a información sobre a actualidade do traballo na Galiza, no semanario Sermos Galiza nº 101, xa disponíbel nos quiosques e na nosa loxa.

Comentarios