Hiperxel reabrirá máis de 20 tendas tras ser adquirida por outra empresa

Case 300 persoas seguen á espera do pagamento de nóminas atrasadas.
Un estabelecemento de Hiperxel. (Foto: CCOO)
photo_camera Un estabelecemento de Hiperxel. (Foto: CCOO)

A cadea galega especialista na comercialización de alimentos conxelados Hiperxel reabrirá nos próximos meses máis de 20 tendas na Galiza despois de que unha empresa de Ourense comprase esta marca comercial.

Tras a decisión do Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra de declarar o pasado mes de abril o concurso voluntario de acredores solicitado por Xeldist Conxelados, matriz de Hiperxel, o empresario ourensán Manuel Cibeira adquiriu a marca comercial a través da compañía LMR Loxística.

A partir de aí, Cibeira decidiu reabrir certas tendas da compañía, comezando precisamente esta terza feira coa apertura de varios estabelecementos, aos que seguirán máis nos próximos meses até superar a vintena (Hiperxel contaba con 102 tendas antes do concurso de acredores). Ademais, o empresario fixo saber que negociará coas persoas propietarias dos antigos locais de Hiperxel o seu novo aluguer.

Pola súa parte, a batalla legal do antigo persoal de Hiperxel continúa. A pesar de que parte do cadro foi contratado pola nova propietaria da marca comercial, a maioría está á espera do pagamento das nóminas atrasadas.

Segundo fontes sindicais, será o Fondo de Garantía Salarial (Fogasa) o encargado de abonar estas cantidades. Con todo, este ente informoulles de que a concursal as calculou mal, polo que foron devoltas ao xulgado para corrixir estes erros.

A pesar de que a indemnización por despedimento xa foi achegada, o máximo de 120 días que terían que cobrar dos sete meses que lles debía a antiga Hiperxel están pendentes desta discrepancia, e será o xulgado, que leva dous meses de atraso, quen resolva sobre a situación, que afecta case 300 persoas.

Comentarios