VIGO, CENTRO DAS MANIFESTACIóNS

Guía para non perder o 1 de Maio

Máis un ano, Vigo é o epicentro das manifestacións sindicais con motivo do 1 de Maio, Día Internacional da Clase Obreira. A mobilización da CIG partirá ás 12h do Cruce da Doblada, mentres que os sindicatos españois UGT e CCOO se manifestarán xuntos desde Vía Norte.

Sin título

Baixo o lema “Reformas laborais e lei mordaza, anulación Xa!”, que se acompaña coa denuncia das políticas antisociais da UE e do seu carácter proimperialista, a manifestación nacional da CIG, na que participará o secretario xeral, Suso Seixo, partirá ás 12h do Cruce da Doblada de Vigo.

A CIG tamén organiza mobilizacións ao longo de todo o país. Así, ás 12h tamén hai convocadas marchas na Coruña (saída desde a Praza de Vigo), Pontevedra (saída desde Praza desde a Ferraría), Ferrol (saída desde a Avda. de Esteiro), Lugo (saída desde a Ronda da Muralla), Ourense (saída desde o Pavillón dos Remedios), Ribeira (saída desde a Praza do Peixe), Vilagarcía (saída desde a Casa do Mar) e na Estrada (saída desde a Praza do Mercado). Ás 12.30h partirán as manifestacións de Compostela (saída desde a Praza Roxa), de Cee (desde a Praza do Concello) e de Foz (saída desde a rúa Álvaro Cunqueiro). Ás 17h terá lugar a de Cangas.

Reformas laborais, Lei Mordaza e UE antisocial

Na presentación das mobilizacións do 1 de Maio, Suso Seixo cargou contra as reformas laborais quer do PP quer do PSOE, pois “buscaban ir cara a un modelo de relacións laborais cada vez máis individualizado, prexudicando claramente a clase traballadora, na medida en que así se debilitaron tanto as súas condicións laborais como a súa capacidade de resposta fronte a patronal”.

O resultado, advertiu, toda unha serie de medidas que provocaron unha caída moi importante dos salarios, o incremento da precariedade laboral, da contratación a tempo parcial e unha “fraude enorme” porque “moitos dos contratos a tempo parcial son en realidade contratos a xornada completa, porque se obriga traballadoras e traballadores a facer xornada completa cando teñen asinado un contrato por media xornada e mesmo por menos”.

Suso Seixo cualifica a Lei Mordaza como "un instrumento para reprimir de forma directa, sen ter que chegar aos xulgados, calquera mobilización social”

O secretario xeral da CIG tamén criticou a Lei Mordaza, que definiu como “complemento do PP ás contrarreformas laborais” e como un instrumento “para reprimir de forma directa, sen ter que chegar aos xulgados, calquera mobilización social”. Esta lei, dixo, busca “castigar aquelas organizacións sociais que promovan a mobilización social, independentemente de que despois, pola vía do contencioso, poidas chegar ao xulgado e che dean a razón, porque polo de pronto tes que afrontar, en moitos casos, multas de cantidades desorbitadas que poden chegar até os 600.000 euros. Unha cantidade que é moi difícil de soportar para calquera organización”.

A terceira das reivindicacións da CIG neste Primeiro de Maio ten a ver co modelo de Unión Europea que se está a construír, do que a CIG xa alertou cando se produciu a integración do Estado español no daquela Mercado Común. “Denunciabamos os prexuízos que ía ter nos termos nos que se estaba producindo para o noso país –Galiza- pero a maiores estamos vendo como nos últimos anos, so pretexto da crise económica se están a promover por parte da UE recortes en materia de dereitos laborais e sociais”. Xunto a isto incidiu especialmente no tratamento que se está dando ás refuxiadas e refuxiados cun comportamento que cualificou de “inhumano”, denunciando a “hipocrisía de pretender presentarse como unha UE defensora dos dereitos humanos”.

Outras mobilizacións

Pola súa banda, UGT e CCOO, que tamén realizan a súa mobilización principal en Vigo, con saída ás 12h de Vía Norte, convocaron manifestacións noutros puntos do país.

Aliás, entidades sociais e sindicais convocaron unha manifestación anticapitalista e contra a Europa criminal do racismo e a desigualdade en Santiago, que partirá ás 19h desde a Porta do Camiño.

Comentarios