Goberno español e Xunta falan de “mala fe” de Alcoa

O Executivo estatal di que estaba disposto a comprar temporalmente a planta a través da SEPI, para vendela a continuación aos británicos de Liberty mais Alcoa negouse.

Traballador de Alcoa nunha manifestación (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Traballador de Alcoa nunha manifestación (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O Ministerio de Industria e a Xunta trasladaron ao comité de empresa de Alcoa a súa "decepción" pola ruptura das negociacións e acusaron a multinacional de actuar de "mala fe".

A ministra Reyes Maroto e o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, reuníronse telemáticamente con representantes de UXT-FICA, CCOO de Industria e CIG, aos que trasladaron o seu malestar pola decisión de Alcoa de rachar as negociacións para a venda á británica Liberty House, apenas unha hora antes de que finalizase o prazo establecido para chegar a un acordo.

"A compañía norteamericana rexeitou sistematicamente todas as ofertas que se puxeron sobre a mesa nas últimas semanas, tanto desde o comprador interesado, Liberty House, como do propio Goberno de España, que estaba disposto a comprar temporalmente a planta a través da SEPI, para vendela inmediatamente a continuación aos británicos de Liberty", subliña o Ministerio nun comunicado.

"Tratábase dunha operación nova e impecábel, que cumpría todos os requisitos legais tanto españois como a nivel comunitario", insiste o Departamento de Maroto.

Tanto a ministra como Conde emprazaron Alcoa a, antes da reunión de hoxe ás 9.30 horas, "reflexionar sobre as consecuencias que a súa decisión terá para os seus traballadores, as súas familias e a comarca da Mariña no seu conxunto", e aceptar algunha das solucións que o Goberno lle ofreceu para salvar os postos de traballo da factoría de Lugo.

Ambas as administracións sempre defenderon que é posíbel alcanzar un acordo que dea continuidade á produción de aluminio primario na planta e aos postos de traballo. "Non existen argumentos que poidan xustificar unha decisión que prexudica a todas as partes, especialmente aos traballadores e traballadoras de Alcoa San Cibrao e da industria auxiliar", asegura Industria.

Comentarios