Dous traballadores feridos de diversa gravidade en senllos accidentes laborais na Estrada e Padrón

O operario dunha canteira da Estrada sufriu un corte grave nun brazo, que podería ser amputado. A Galiza foi en 2021 o terceiro territorio do Estado con maior índice de accidentes mortais laborais.
Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza (Foto: Xunta).
photo_camera Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)

Un operario foi evacuado de maneira urxente en helicóptero esta quinta feira logo de sufrir un corte grave nun brazo con posíbel perda do membro nunha canteira do municipio da Estrada. Así o notificaron o 112 Galiza e o 061, en relación ao accidente que se produciu mentres traballaba nunha canteira na parroquia de Castro.

Segundo a información facilitada ao 112 por varios particulares que contactaron coa central de emerxencias contra as 10.15 horas, o home presentaba lesións importantes no brazo que poderían supor a perda da extremidade.

Por iso, os xestores do 112 comunicaron a situación a Urxencias Sanitarias da Galiza-061 que, tras ter constancia dos feitos, informou da mobilización do helicóptero medicalizado con base en Compostela para atender o ferido.

Fontes sanitarias indicaron a Europa Press que, alén do helicóptero, foron mobilizados unha ambulancia de soporte vital básico e un equipo sanitario de Atención Primaria da Estrada, aínda que finalmente a aeronave levou ao Hospital Clínico de Santiago de Compostela o ferido, A.P.G., de 35 anos.

Outro accidente en Padrón

Por outra parte, un operario foi evacuado na mañá desta quinta feira no municipio de Padrón tras sufrir un accidente laboral ao recibir un golpe na cabeza, nunha fábrica de aluminios. Segundo informou o 112, este operario foi evacuado de urxencia para ser atendido das lesións provocadas por un golpe "cun elemento de elevación" na factoría.

A alerta sobre este accidente recibiuse ás 10.30 horas mediante a chamada dun equipo sanitario de urxencia. Durante a comunicación cos operadores do servizo de emerxencias, indicaron que desprazaban unha das súas ambulancias até o lugar da Picaraña co fin de atender un traballador ferido ao recibir un golpe na cabeza.

O accidente laboral ocorreu no exterior da nave de Eslavesa, cando un camión fixo panca e un traballador recibiu un golpe na cabeza. Foi trasladado consciente e non presenta feridas de gravidade, apuntaron. En concreto, o 061 desprazou ao lugar unha ambulancia de soporte vital avanzado que levou o traballador ferido, M. G. L., de 35 anos, ao hospital compostelán HM Rosaleda, confirmaron fontes sanitarias.

A Galiza, terceiro territorio con máis porcentaxe de accidentes mortais

Segundo un estudo publicado esta quinta feira por CCOO, con base nos datos do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), a Galiza foi en 2021 o terceiro territorio do Estado cun maior índice de mortalidade en accidentes laborais e a quinta en número total de falecementos, 48, que constituíron, porén, tres menos que no ano anterior.

Comentarios