Gráficos

Radiografía do mercado laboral na Galiza: crece o número de traballadores pobres e 200.000 cobran uns 3.000 euros anuais

Dous anos despois do estabelecemento da última reforma laboral, a CIG presentou un informe co que tenta demostrar que esta medida non deu os resultados agardados. Entre as eivas que atoparon están o incremento de fendas de xénero e unha forte irrupción dos contratos fixos/descontinuos.
Unha muller traballando nunha batea na Ría de Arousa. (Foto: Asociación de Mulleres do Mar de Arousa)
photo_camera Unha muller traballando nunha batea na Ría de Arousa. (Foto: Asociación de Mulleres do Mar de Arousa)

A CIG presentou esta segunda feira o seu Informe de condicións laborais 2023, un estudo que se suma aos xa realizados con carácter anual coa intención de facer un perfil das traballadoras e dos traballadores da Galiza. Para a súa realización cruzou datos da Seguridade Social (SS), Facenda e tamén da Enquisa de Poboación Activa (EPA). Entre as primeiras conclusións do estudo, o secretario confederal de afiliación e servizos da CIG, Renato Núñez, apunta á confirmación da figura da “persoa traballadora pobre que, malia ter un emprego, non pode chegar a fin de mes, ben polo seu salario, ben polas cargas familiares que soporta”. 

Afiliación menor

O primeiro dato salientábel que achega o informe é o feito de que a Galiza, xunto con Estremadura, Asturias e Cantabria, é a comunidade onde menos incrementou a afiliación desde decembro do 2021, cando se implantou a reforma laboral. De media, no Estado español rexistráronse 5,1% máis de persoas en alta laboral afiliadas á SS en decembro de 2023 respecto de decembro de 2021, cando na Galiza, no mesmo período, este incremento foi só de 2,9%. Ademais, a CIG indica que gañou peso o Réxime Xeral estes dous anos (+4,7%) até chegar a ser 76,2%.

 

Pola contra, o Réxime de Autónomas e Autónomos empeorou, perdendo sobre todo 10,7% no sistema especial de traballadores agrarios (SETA) e baixando 5,7% no Réxime Especial de Mar por conta allea e 6,4% no mesmo Réxime de Mar pero por conta propia.

Por tipo de contrato, o informe sinala que desde 2021 o que máis se incrementou é o fixo-descontinuo. Así, hai rexistradas un 125,1% de persoas máis que a finais dese ano. Ademais, sumando as indefinidas a xornada parcial, o peso das xornadas non completas na contratación indefinida aumenta de 19,8% en 2021 até 23,9% en 2023.  A central nacionalista, neste apartado, denuncia que a fenda de xénero na maioría dos indicadores aumentou.

Arguméntao co dato de que 70,1% das mulleres en 2023 tiñan un contrato indefinido (sumando todos os tipos de xornada), fronte a 81,8% dos homes, 11,7 puntos de diferenza. Porén, en 2021 esta diferenza era de 9,7 puntos, incrementándose a desigualdade. En consecuencia, a taxa de temporalidade das mulleres afiliadas á SS é de 29,9%; cando no caso dos homes é de 18,2%. Para a responsábel de Economía da CIG, Natividad López, "a fenda incrementouse dous anos despois da reforma que dicían que remataría coa precariedade das mulleres". 

 

Maior desigualdade

En relación aos ingresos salariais, a CIG emprega os datos da Axencia Tributaria a través do estudo Mercado de traballo e pensións nas fontes tributarias. Na Galiza, o aumento salarial de media foi de 5,8%, cando o IPC aumentou 5,7%. "Onde maior é a suba é no tramo de maiores ingresos, o que figura como 10 veces o SMI, que se incrementa 20,6%”, aclara Natividad López, “o máis grave é o tramo de menores ingresos, de 0,05% veces de SMI que só aumenta 2,5%”, polo que serían “perto de 200.000 persoas que non chegan aos 3.000 euros anuais”. Para a sindicalista, “as diferenzas entre a clase traballadora estanse disparando”. Como exemplo, explica que "en 2021 o salario dunha persoa do tramo de maiores ingresos equivalía ao de 84 persoas do tramo de menos ingresos" e que, un ano despois "aumentou até 100".

Renato Núñez (á esquerda) e  Natividad López presentan o informe na sede da CIG (Foto: Nós Diario).
Natividad López (á esquerda) e Renato Núñez (dereita) presentan o informe na sede da CIG. (Foto: Nós Diario).

O "efecto inmigración" 

“A chegada de inmigrantes está permitindo o incremento da poboación activa”, asegura López. Coas cifras na man, indica que durante 2023 a poboación con máis de 16 anos medrou na Galiza 0,4%. Este aumento afectou exclusivamente a poboación activa, xa que a inactiva descendeu 0,2%. A medra da poboación activa (+0,9%, 10.600 persoas máis) debeuse a un aumento da poboación ocupada, que aumentou 2,3%, 25.600 persoas ocupadas máis.

A poboación parada descendeu 11%, o que en termos absolutos significa 15.000 persoas menos estimadas como paradas de media en 2023 na Galiza. O aumento de 10.600 persoas en activo no último ano, segundo o informe, débese á medra tanto poboación activa feminina (1%) como masculina (0,7%).

No ano anterior, a poboación activa masculina descendera. Con esta evolución, as mulleres supoñen 48,5% da poboación activa. Porén, nos últimos anos, no aumento da poboación activa ten moita importancia a chegada de inmigrantes. Así, se non fose pola poboación estranxeira os resultados serían cuantitativamente distintos.

Globalmente é a poboación estranxeira (en poboación estranxeira non está incluída nin a doutro territorio do Estado, nin a que ten dobre nacionalidade por ser descendente de poboación galega ou española) a que posibilitou o aumento da poboación activa. Se non fose así, esta apenas incrementaría durante 2023 xa que das 10.600 novas persoas en activo, 96% (10.200 persoas) son nacidas fóra do Estado.

Máis xornadas parciais e contratos semanais

Durante 2023, e a pesar da reforma laboral, continuou incrementándose a poboación asalariada a xornada parcial. Aínda que aumentaron en maior medida as persoas asalariadas a tempo completo, a xornada parcial continúa sendo unha característica do emprego feminino. Durante 2023, 22,6% das mulleres asalariadas tiveron xornada a tempo parcial; no caso dos homes esa porcentaxe foi de só 7,3%.

 

“A xornada parcial continúa sendo unha xornada feminizada”, indican desde a CIG. Con respecto ao total das xornadas parciais, 75,7% pertencen a mulleres. Con todo, a central nacionalista constata que non son xornadas voluntarias. “Só declaran non querer un traballo a xornada completa 9,9% das mulleres e 6,7% dos homes que teñen esta xornada”, aseguran. Non atopar a xornada completa é a razón principal que manifestan tanto mulleres como homes para teren a parcial. 

Por último, a CIG pon en evidencia “o elevado número de contratos rexistrados” que se explicaría “pola escasa duración da maioría”. Neste sentido, sinalan que 2023 fechou con 42,5% de contratos cunha duración de menos dunha semana, cando en 2022 eran 40% do total.

 

72% do traballo é en servizos

A Confederación Intersindical Galega (CIG) pon enriba da mesa o dato de que “tres de cada catro persoas na Galiza traballa en servizos”, un sector que, indican, “é dos máis feminizados e precarios que hai”. Este feito, resalta a central nacionalista, é consecuencia de centrar as medidas que se aplican neste sector. Para este sindicato, o máis preocupante do sector servizos é a caída da ocupación en “actividades sanitarias e servizos sociais”, así como no “comercio”.

Comentarios