TRANSPORTE

Folga en Renfe e Adif: estes son todos os trens suprimidos na Galiza o 24 de novembro

Desde a Confederación Xeral do Traballo denunciaron que os servizos esenciais impostos polo Ministerio de Transportes son "abusivos", unha denuncia que comparten desde outros sindicatos convocantes. Enténdeno como un "intento de minimizar a folga ferroviaria e limitar o máximo un dereito considerado fundamental pola Constitución".
Pasaxeiros na estación de tren de Santiago. (Foto: Manel Méndez)
photo_camera Pasaxeiros na estación de tren de Santiago. (Foto: Manel Méndez)

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana vén de estabelecer os servizos mínimos que se terán que cumprir durante a folga de 24 horas convocada en Renfe e Adif que arrincará esta vindeira sexta feira, 24 de novembro, fixándoos en até 72% para as liñas de Alta Velocidade e Longa Distancia. Segundo a resolución do Ministerio, nos trens de Media Distancia os servizos mínimos serán de 65%, mentres que en Proximidades diferenciarase entre hora punta —de 6 a 9 horas, de 14 a 16h e de 18.30 a 20.30h—, cando serán de 75%, e o resto da xornada, con 50%.

Renfe ofrecerá aos viaxeiros e viaxeiras de AVE, Longa e Media Distancia, sempre que sexa posíbel, viaxar noutro tren no horario máis aproximado ao adquirido. Se non desexan realizar a viaxe, poderán anular ou cambiar para outra data o seu billete sen ningún custo. A resolución, que se pode consultar na web de Renfe, inclúe todos os servizos que se prestarán nos cinco días de folga convocados: sexta feira 24 de novembro, quinta feira 30 de novembro, sexta 1 de decembro e segunda e terza feira 4 e 5 de decembro.

Así, en Media Distancia, dos 3.160 trens afectados a nivel estatal pola folga circularán en servizos mínimos 2.063, o que supón o 65%. Pola súa parte, en Alta Velocidade e Longa Distancia, de 1.636 trens afectados pola folga, circularán en servizos mínimos 1.185, o que supón aproximadamente 72%. Na Galiza, as liñas e frecuencias afectadas esta sexta feira, día 24, son as seguintes.

A folga e os servizos mínimos "abusivos"

Os comités de empresa de Renfe e Adif acordaron convocar esta folga ante a incerteza xerada nos persoais polo traspaso de Rodalies, así como pola entrada dunha empresa privada (MSC) no capital de Renfe Mercadorías. O traspaso de Rodalies foi pactado entre PSOE e ERC no marco das negociacións para a investidura de Pedro Sánchez e suporá que Catalunya adquira o control sobre a xestión das R1, R2 e R3, incluíndo os trens e as vías. Posteriormente, valoraranse outras liñas.

Na Galiza, desde a Confederación Xeral do Traballo denunciaron que os servizos esenciais impostos polo Ministerio de Transportes son "abusivos", unha denuncia que comparten desde outros sindicatos convocantes. Enténdeno como un "intento de minimizar a folga ferroviaria e limitar o máximo un dereito considerado fundamental pola Constitución".

Así, precisan, hai colectivos como o de condución, intervención e comercial nos que está obrigado a traballar o 90% do cadro de persoal, o que interpretan como unha vulneración do dereito de folga. Desde CXT demandarán xudicialmente estes servizos mínimos e estudan outras accións xudiciais contra os asinantes dos mesmos.

Esta convocatoria chega na Galiza nun momento no que os atrasos e incidencias varias que afectan centos de usuarios e usuarias están a converterse nalgo xa habitual. Tamén hoxe, cuarta feira, a xornada ferroviaria comezou con demoras de máis de media hora nalgúns trens, na liña Ourense-Compostela e tamén nas do Eixo Atlántico, xerando de novo malestar entre os pasaxeiros.

Comentarios