Obituario

Falece o sindicalista Fernando Solla Fernández

De longa traxectoria militante en organizacións políticas da esquerda e do nacionalismo, foi secretario comarcal da CIG na Coruña.

Fernando Solla. (Foto: Xurxo Lobato / CIG)
photo_camera Fernando Solla. (Foto: Xurxo Lobato / CIG)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) informou hoxe do pasamento do histórico sindicalista e político galego Fernando Solla Fernández, "compañeiro de longa traxectoria tanto no sindicalismo como en organizacións políticas da esquerda e do nacionalismo" que foi secretario comarcal da Unión Comarcal da CIG da Coruña.

A central sindical traslada as súas condolencias e solidariedade á familia e amizades do finado e salientar o seu "compromiso inquebrantábel na defensa dos dereitos da clase traballadora e na loita por unha Galiza ceibe e sen explotación", apuntan a través dun comunicado.

Fernando Solla, técnico superior de prevención de riscos laborais, foi durante anos dirixente sindical do sector do transporte e da propia CIG, exercendo como secretario comarcal da Unión Local da Coruña entre 1998 e 2001. Tamén foi membro do Consello e do Secretariado Confederais, máximos órganos de dirección da central sindical.

Aliás, foi secretario xeral do Partido do Traballo de Galiza (PTG), formación marxista-leninista que foi decisiva no desenvolvemento do movemento obreiro e do sindicalismo nacionalista na Galiza. Tamén formou parte da Comisión Permanente do BNG na década de 1990.

Comentarios