Exixen limitar as subcontratas nas telecomunicacións

A CIG denuncia a situación deste sector e pon como exemplo o accidente que causou a morte dun traballador en Meaño.
Traballadores dunha subcontrata instalando fibra en Compostela (Riobó Prada).
photo_camera Traballadores dunha subcontrata instalando fibra en Compostela. (Foto: Riobó Prada).

O accidente do pasado 13 de xullo que lle custou a vida a un traballador de Tendegasa (subcontrata de Telefónica en Pontevedra), aumentou a indignación no sector.

Desde a CIG-Industria exixen, a través dun comunicado, que se proceda á regularización das empresas que traballan nas telecomunicacións restrinxindo a subcontratación en cadea, acometendo un maior control en materia de prevención de riscos e saúde laboral por parte da autoridades laborais, recoñecendo o dereito á subrogación deste persoal, e obrigando as empresas ao cumprimento íntegro dos convenios provinciais do siderometal. 

Após o accidente mortal en Meaño, a CIG-Industria pregúntase "por que non había plataforma de elevación móbil de persoas a disposición do traballador, en que momento Telefónica revisa eses traballos en materia de seguridade e o cumprimento de protocolos, por que se subcontratan este tipo de traballos, ou porque se prima o pago por puntos nalgúns traballos e non se incentiva o pago por horas e  incentivos por cumprimento dos protocolos de seguridade". 

"Temos claro que a subcontratación mata", asevera a CIG-Industria, que traslada o profundo pesar polo pasamento do traballador, falecido ao partir pola base o poste de madeira ao que estaba subido para acometer a instalación de fibra. 

Perverso sistema de puntuación

Nas empresas das diferentes escalas de subcontratación, o persoal ten que realizar os traballos diarios baixo un sistema de puntuación que leva consigo que, de non acadar as contías establecidas, se produzan ameazas de sancións por non cumprir as exixencias dos puntos mensuais.

Para a central nacionalista, nestes tramos intermedios de subcontratación nacen os principais problemas do sector. A operadora principal (Telefónica, R, etc.) redacta os protocolos en materia de prevención e saúde laboral axustándose á lexislación vixente, mais logo, á hora de subcontratar os servizos nos diferentes niveis, as medidas de prevención non teñen un seguimento por parte da contratista.

Por este motivo demandan o cumprimento dos convenios colectivos, a eliminación da cadea de subcontratación e o dereito á subrogación do persoal.

Comentarios