“Telefónica estalle a roubar cada ano 170 millóns de euros ao persoal das subcontratas”

As e os traballadores do sector están en greve indefinida dende o 14 de abril perante o que denuncian como abusivas condicións de traballo. Piden que se cumpra o convenio en materia de salarios e horarios.

Protesta do persoal de Telefónica en Pontevedra (Foto: CIG)
photo_camera Protesta en Pontevedra (Foto: CIG)


Paro case absoluto nas subcontratas que operan para Telefónica-Movistar na Galiza. Máis de 700 traballadores e traballadoras do sector sumáronse á folga indefinida convocada o 14 de abril no conxunto do Estado. Unha greve coa que tratan de denunciar as abusivas condicións de traballo impostas polas súas empresas e pola multinacional de telecomunicacións. 

Xornadas de até 12 horas diarias (sábados incluídos), desprazamentos por toda a provincia e comidas que pagan do seu peto, descontos nos soldos por factores alleos ao seu traballo… E todo por un salario inferior ao que teñen recoñecido nos seus convenios. Estas son algunhas das razóns que levaron o persoal das subcontratas a convocar a primeira folga indefinida do sector. 

A principal reivindicación dos e das folguistas, que traballan para o medio centenar de empresas que instalan no país as redes e liñas de Telefónica-Movistar, refírese ao cumprimentos dos convenios provinciais. “Pedimos que respecten a lei, nada máis”, apunta Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG.

“Calculamos que Telefónica estalle a roubar cada ano 170 millóns de euros ao persoal das subcontratas en todo o Estado”. Asegura que a última proposta incluía rebaixas do 25% nos salarios, pese a que hoxe cobran de media 1.000 euros de menos cada mes.

Presións de Telefónica sobre as contratas 

Sinalan tamén as presións que Telefónica impón sobre as súas contratas, con prezos máis baixos, e unha continua redución de custos. Unha presión que as empresas trasladan ao seu persoal.Neste perverso sistema, as contratas de primeiro grao teñen creado unha rede de subcontratas e falsos autónomos nunhas pésimas condicións laborais e salariais”, din dende a confederación sindical.

"As contratas de primeiro grao teñen creado unha rede de subcontratas e falsos autónomos nunhas pésimas condicións laborais e salariais”, di a CIG.

Por esa razón, esixen que se limiten os niveis de subcontratación, que nalgúns casos chegan até tres graos para un mesmo contrato. De igual forma, piden a subrogación dos postos de traballo, ante os intentos de Telefónica para recolocar o persoal afectado polos expedientes de regulación de emprego. 

A precarización do sector ten consecuencias ademais para a seguridade do persoal. Como exemplo, contan como o persoal que traballa no rural vese na obriga de reparar avarías subidos en postes en solitario. “Se sofren un accidente no medio do monten quedan sós sen que ninguén os auxilie”. Nas zonas urbanas, os problemas veñen pola esixencias das empresas para realizar os traballos con rapidez. “Se cometes un erro automaticamente vanche penalizar ou sancionar e o teu traballo vai ser gratis”.

Centos de incidencias sen atender

Recordan que a multinacional “explota de xeito indecente” o persoal , mentres declara “beneficios próximos aos 4.000 millóns de euros”.

As e os folguistas recordan que mentres a multinacional “explota de xeito indecente” o persoal , declara “beneficios próximos aos 4.000 millóns de euros” o pasado ano. E denuncian o silencio informativo en todo o Estado, onde milleiros de traballadores e traballadoras levan varios días secundando o paro. O seguimento é case total nas provincias de Pontevedra e A Coruña, mentres que no resto do país ronda o 80%.

“A greve está a facer moito dano a Telefónica. Só na Galiza son unhas 900 avarías e unhas 300 altas diarias as que non se están a atender”, sinala o secretario confederal da CIG. Lamentan os posíbeis prexuízos para as clientas da operadora, mais insisten en que “a situación é insostíbel”, polo que pediron a solidariedade e compresión das persoas afectadas e da cidadanía. 

 

Comentarios