Un mes en loita en Telefónica

O persoal da operadora de telefonía mantén a greve indefinida e inicia novas negociacións coa dirección da empresa.

Telefónica
photo_camera Telefónica

Trinta e catro son os días que leva en folga o cadro de persoal das subcontratas de Telefónica en defensa do cumprimento do convenio colectivo e dunha mellores condicións laborais. 

Após este tempo a dirección da entidade amosa maior vontade de negociación e está disposta e aceptar demandas como o cumprimento dun horario laboral de 40 horas semanais e a aplicación do convenio colectivo.

Ora ben, "hai discrepancias na forma de entendelo", explican en conversa con Sermos Galiza desde a CIG-Industria. Entre outras cuestións porque Telefónica "quérenos disponíbeis durante toda a semana", incluídos os sábados, unha xornada que de existir o convenio fixa que debe ser remunerada como horas extraordinarias. 

"O acordo de CC.OO e UGT foi un pau no camiño e un obstáculo para as reivindicacións do cadro de persoal"

Esta segunda feira (18 de maio) manterán un novo encontro do que agardan comezar a atopar puntos de encontro. "O cadro de persoal quere resolver o conflito e volver a traballar", sinala José Mosquera delegado da CIG en Liteyca, unha subcontrata da Coruña. Porén, sinala, que as traballadoras e traballadores manteñen as súas demandas e agardan conseguir os seus obxectivos após máis dun mes de paro. 

Neste tempo, o conflito estivo marcado polo pacto asinado entre UGT e CC.OO coa dirección de Telefónica en Madrid, un acordo que pretendían facer extensíbel ao conxunto dos territorios do estado que secundan a folga. 

Para Mosquera este feito foi "unha pedra no camiño" e "un obstáculo" para as reivindicacións do cadro de persoal que, aliás, "non serviu de nada e mesmo foi prexudicial". Razón pola que as traballadoras e traballadores decidiron continuar a greve indefinida e non aceptar o acordo. 

Comentarios