Evacuan un operario e rescatan outro tras o derrube das escaleiras dun edificio en Ourense

Os operarios traballaban na colocación dun ascensor neste edificio cando se derrubou parte da escaleira entre o descanso do segundo piso e o do terceiro piso.
Portal do edificio no que se produciu o sinistro. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Portal do edificio no que se produciu o sinistro. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Un traballador foi evacuado a un centro hospitalario tras resultar ferido ao caeren as escaleiras dun edificio en Ourense. Os servizos de emerxencia rescataron outro compañeiro que non resultou ferido pero quedou atrapado. Segundo informou a central de emerxencias do 112-Galiza, o accidente tivo lugar nun edificio da rúa Sáenz Díez contra as 15 horas desta quinta feira, momento no que o persoal da central recibiu o aviso por parte do Servizo de Urxencias Sanitarias da Galiza.

Os operarios traballaban na colocación dun ascensor neste edificio cando se derrubou parte da escaleira entre o descanso do segundo piso e o do terceiro piso, segundo precisaron as mesmas fontes. O traballador ferido dedicábase ás tarefas necesarias para a instalación do ascensor no inmóbel e foron os bombeiros os que, ao accederen ao interior do edificio a través dun dos balcóns, comprobaron que fora liberado por outro operario e un pintor que se atopaba traballando nunha das vivendas das primeiras plantas.

Os bombeiros inmobilizaron o operario e retirárono até a rúa a través do balcón con axuda dun camión con autoescaleira antes de ser trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, consciente, pero con feridas de consideración.

O outro obreiro desprazouse ao centro médico por feridas causadas ao tratar de liberar o seu compañeiro de entre os entullos. Con todo, tanto el como o pintor que se atopaba no edificio saíron polo seu propio pé.

Mais os bombeiros tiveron que rescatar outro dos operarios que se atopaba realizando as tarefas para instalar o ascensor. Neste caso non resultou ferido, senón que se atopaba nunha das plantas superiores e, tras o derrubamento, non podía abandonar o edificio, polo que tamén tivo que ser retirado mediante as escalas exteriores a través dunha das xanelas.

O edificio en cuestión, situado fronte ao Colexio Curros Enríquez, ten catro plantas e un total de oito vivendas, pero no momento do accidente laboral, alén dos tres operarios e o pintor, tan só estaba no edificio un veciño da terceira planta.

Trátase dun señor maior ao que os bombeiros tamén retiraron a través do balcón despois de axudarlle a recoller algunhas das pertenzas, porque, segundo explican desde o Parque Municipal de Bombeiros de Ourense, para entrar aos pisos será necesario reconstruír as escaleiras e é unha actuación que podería levar semanas.

Comentarios