Sanidade

Estas son as melloras pactadas entre sindicatos e Sergas para profesionais da saúde

CIG, CCOO, CSIF, Satse e UXT, representados na Mesa Sectorial, alcanzaron na noite da quinta feira un acordo que implicará estender as melloras retributivas das gardas, a nocturnidade e os festivos a outros profesionais na sanidade pública ademais dos médicos.
Reunión da Mesa Sectorial esta quinta feira (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Reunión da Mesa Sectorial (Foto: Xunta da Galiza).

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) e os sindicatos CIG, CCOO, CSIF, Satse e UXT, representados na Mesa Sectorial, alcanzaron na noite da quinta feira un acordo que implicará estender as melloras retributivas das gardas, a nocturnidade e os festivos a outros profesionais na sanidade pública ademais dos médicos.

Este acordo, alcanzado por unanimidade nunha reunión que se estendeu desde as 10 da mañá até as 23 horas da noite, chegou un día despois do que a Administración asinase coa Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) para desconvocar a folga de facultativos que durou nove días, entre o 11 e o 19 de abril.

O acordo foi principalmente retributivo e xerou malestar entre as organizacións que, ao contrario que CESM, si estaban representadas na Mesa Sectorial do Sergas, órgano habitual de negociación das condicións laborais.

Así, o documento asinado por representantes da Consellaría de Sanidade e os outros cinco sindicatos (CIG, CCOO, CSIF, Satse e UXT), implica unha serie de melloras, non só de carácter económico senón tamén de condicións laborais, para persoal sanitario e non sanitario.

O primeiro punto do pacto estabelece unha suba retributiva de gardas, atención continuada, nocturnidade e festividades, que se aplicarán en Atención Primaria e Hospitalaria, a categorías médicas, especialistas, enfermeiros, auxiliares de Enfermaría, técnicos, celadores e administrativos, entre "todas as demais categorías sanitarias e non sanitarias" implicadas. As melloras tamén afectarán o persoal residente en formación, é dicir, aos MIR.

O incremento será de 7,9% para as gardas médicas en días laborábeis e o complemento de nocturnidade. A metade deste aumento aplicarase o 1 de xullo de 2023 e a outra metade será o 1 de xaneiro de 2024.

En canto ás gardas de domingos e festivos, así como o complemento de festividade vinculado á atención continuada, subirá 15,61% que se abonará con efectos do 1 de xaneiro de 2024. Aquí tamén se incluirá, como novidade, a noite das sextas feiras, que se considerará como 'noite pre festiva'.

Ademais, igual que viña recollido no acordo alcanzado con CESM o día anterior para desconvocar a folga, incrementarase a partir do próximo ano até 37 euros a hora a partir da quinta garda realizada nun mes na Atención Hospitalaria.

Do mesmo modo, como xa se avanzou en reunións previas, implantarase o complemento de quendas -que tamén subirá 7,9% en 2024- en Atención Primaria para as quendas de tarde e os deslizantes, aínda que as condicións para a súa aplicación concreta avaliaranse na Mesa Sectorial.

Condicións laborais

O documento asinado tamén fala dos descansos e a organización das gardas. En concreto, iniciarase unha análise de datos recibidos polas xerencias para ditar "unha normativa corporativa que vele pola seguridade e a saúde dos traballadores" para garantir "os descansos diarios, feriados e semanais correspondentes ou, no seu caso, alternativos". Os resultados do devandito estudo avaliaranse en xuño.

Así mesmo, confirma que haberá un módulo de compensación para as xornadas do 24 e 31 de decembro, que pasarán a considerarse como feriados para as categorías nas que non era así. Este asunto tamén se avanzou no acordo de intencións asinado o 1 de marzo.

Outra das importantes novidades é unha redución paulatina da xornada laboral ordinaria, que se aplicará a través dos sábados e a partir do mes de xullo de 2023. Iso si, no caso de que esta medida non sexa posíbel porque xere falta de persoal de Enfermería, pagarase como xornada complementaria.

A diminución cifrarase nun total de 112 horas para este ano e os dous seguintes: para 2023 será de 21 horas, en 2024 en 49 horas e para 2025, en 42.

O documento acordado na quinta feira pola noite vén asinado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen tamén se puxo á fronte da negociación con CESM, e a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña, entre outros representantes da Administración galega.

Complemento específico

Un dos ámbitos que non toca o acordo en Mesa Sectorial e que si reivindicaba a organización convocante da folga -na liña dos colexios de médicos- era que os facultativos poidan cobrar o complemento específico mesmo cando compatibilizasen a súa actividade no Sergas coa sanidade privada.

Trátase dun asunto que a Administración, tal e como pactou con CESM, revisará durante o mes de xuño, coa intención de que entre en vigor en xaneiro de 2024.

A falta de coñecer os detalles, permitirá que os médicos que traballen na privada e na pública poidan cobrar este complemento -duns 900 euros ao mes de media, xa que non é unha contía fixa- até unha diferenza máxima de 180 euros con aqueles que teñan exclusividade coa pública.

Comentarios